Ondiñas Mainas: Os impulsores do legado de Carioca

A entidade recupera a numeración artesanal das vivendas que iniciara o artista

m. x. b.
ribeira / la voz

Miguel Ordóñez, máis coñecido como Carioca entre os seus veciños de Rianxo, era un home polifacético. Cando botaba o peche da súa barbería, pasaba as horas entre pinceis e vernices cos que realizaba traballos tan variados como pintar as lápidas do cemiterio ou os azulexos que numeraban as casas da vila mariñeira. Corrían os anos 50, pero son moitos os rianxeiros que recordan as súas pezas coroando as portas das vivendas máis antigas. De feito, algunhas delas aínda se conservan. Agora, a iniciativa Viladomar, máis alá dos muros, na que traballan conxuntamente o Concello e o colectivo Ondiñas Mainas, tenta recuperar esta forma de numeración artesanal que comezara con Carioca e que se foi perdendo co paso dos anos ata case desaparecer.

Serán de novo dous artistas locais, Luis Vicente Batalla e María Teresa Figueira, os responsables de pintar á man cada un dos azulexos que lucirán, polo de agora, nos edificios do consistorio. «Estamos rematando de elaborar unha primeira tirada de vinte pezas, pero a idea é facer polo menos outra máis para que calquera persoa poida conseguir a súa», explica Batalla. Son dous, pero o traballo non é sinxelo nin tampouco rápido. «Empregamos esmaltes que requiren bastante tempo de secado e incluso teñen que pasar polo forno», conta Figueira. Pero a calidade e a conservación, aseguran, están garantidas.

Máis complicado, se cabe, foi recrear o deseño tradicional de Miguel Ordóñez. As poucas baldosas que se conservan sufriron as inclemencias do sol, a choiva e o paso do tempo, perdendo a intensidade nas cores e nos trazos. «Atopámonos tamén con que o escudo da vila representado por Carioca non é o actual, pero tampouco ningún do que se teña rexistro no Concello nin en ningún documento histórico aos que tivemos acceso na asociación», explica Figueira. E aínda que o emblema vixente foi o escollido para decorar as pezas, non faltaron os nostálxicos que xa encargaron as súas placas co creado polo célebre artista rianxeiro.

Produción artesanal

Polo momento, tanto Luis Batalla como María Teresa Figueira están a producir o modelo estándar, co escudo e o número correspondente á vivenda ou edificio. Pero non descartan personalizar as pezas ao gusto de cada veciño. «É a vantaxe que ten a creación artesanal fronte á industrial, que o fai todo en serie seguindo un mesmo patrón», afirma o rianxeiro. Precisamente o propio Carioca xa o fixera nalgunha que outra ocasión, engadindo nunha parte da pintura as iniciais da familia que vivía na casa.

Que Rianxo é un gran berce de artistas de todos os ámbitos da cultura é unha realidade que conta con innumerables exemplos, e que acaba por construír legados coma o de Carioca. Por iso, o obxectivo da asociación Ondiñas Mainas é promover o traballo dos creadores locais, ao tempo que rescata os labores da artesanía tradicional. «Detrás de todo o que facemos está a idea de manter a identidade propia de Rianxo», afirma Figueira.

Ese traballo engloba tamén un proxecto de carácter urbano que está a encher de cor dous muros da localidade da man dos artistas plásticos Noel Nove e Lara Torres, tamén rianxeiros. «Esperamos que sexa algo que guste na vila, porque queremos que se vaia estendendo por moitas máis paredes nos próximos anos», declara Luis Batalla. Porque se nalgunha disciplina e lugar se poden atopar a tradición e a modernidade, eses son a arte e a vila de Rianxo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Ondiñas Mainas: Os impulsores do legado de Carioca