Héctor Quiroga: As raíces da investigación oceanográfica en Galicia


Cando eu me incorporei ao equipo do laboratorio da Coruña do Instituto Español de Oceanografía (IEO), en 1980, España aínda non estaba na CEE. O país levaba meses con ansias de formar parte do club selecto europeo. Estabamos en setembro e había que perfilar moitas estatísticas para certificar a incorporación definitiva (1986), circunstancia pola que o laboratorio andaba agobiadísimo tentando adaptarse aos novos tempos. Lembro que Héctor Quiroga ocupaba un despacho no primeiro andar, que compartía con outros dous investigadores dedicados a avaliar as poboacións de moluscos bivalvos do maior banco de Galicia, o da Misela, na ría de Muros e Noia. Previamente, participara no desenvolvemento do Plan Marisqueiro de Galicia, sendo tamén asesor da comisión para a revisión dos polígonos de viveiros flotantes.

Quiroga foi un dos artífices da construción do actual laboratorio, inaugurado en 1974, e dirixido ata 1981 por Miguel Torre Cervigón. Con anterioridade, fora o director do Centro Costeiro do Noroeste, situado no primeiro piso dun vello barracón no peirao de Linares Rivas. Previamente, realizara estudos de investigación en Francia, Gran Bretaña e Estados Unidos, publicando numerosos artigos de divulgación.

Entre 1987 e 1989 promoveu no marco da Comisión Baleeira Internacional campañas de avistamento de mamíferos mariños no Atlántico nordeste, a bordo dos buques Explorador e Investigador. No 2002, publicou o libro La caza de ballenas en aguas ibéricas, onde recompila a información.

Pero Quiroga era un personaxe dual e complexo; por un lado estaba o investigador apaixonado; por outro, o político atento e pendente a todo o que ocorría na súa cidade, sendo concelleiro de Medio Ambiente na primeira corporación presidida por Francisco Vázquez. En 1985, abandona o IEO para incorporarse á dirección provincial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como xefe da sección de Pesca, pasando en 1988 á Dirección Territorial de Galicia, órgano no que permanecería ata a súa xubilación, no ano 2000. Nese último cargo tivo que lidar co conflito do descanso semanal para a flota do día. Que a terra lle sexa leve.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Héctor Quiroga: As raíces da investigación oceanográfica en Galicia