Olegario Sampedro: «Hai departamentos que xa non mandan comprar o manual porque dan apuntes creados polos docentes»

La Voz

BARBANZA

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Detrás da caída do valor total da lista de material escolar para a volta ao curso escóndese un factor de racionalidade económica por parte das familias, o popular «apertarse o cinto», mais ¿repercute este feito na calidade educativa do rapaz? O pedagogo Olegario Sampedro precisa que non necesariamente e expuxo algunhas das claves de por que se vén producindo esta tendencia.

-¿Cal é a relación directa entre a calidade educativa e o material escolar dun alumno?

-O primeiro que hai que ter claro é que se supón que todos os rapaces acceden ao mesmo libro de texto ou ao mesmo libro electrónico. Logo, todo a maiores será o material funxible. A calidade educativa non pode determinarse pola cantidade ou calidade dos recursos materiais que poida ter un rapaz.

-¿Inflúe nalgún aspecto psicosocial o feito de que un rapaz use, por exemplo, a mesma mochila durante catro anos?

-¿Inflúe moito que usemos os mesmos tenis durante catro anos se están en boas condicións? Este problema parte dun pensamento relacionado co consumismo. A autoestima vén dada polo concepto que o alumno ten de si mesmo, a que cre que teñen del os demais e a como o seu entorno o valora realmente. Se o pequeno presiona aos pais para ter calzado de marca é para ser valorado dentro desta sociedade de consumo, pero nunca variará a calidade da ensinanza nin afectará á capacidade do rapaz.

-¿Ten sentido en termos de progresión no ensino esta caída do custe da volta ao curso?

-Antes o material ía máis por conta das familias, dende hai uns anos a Administración favorece a compra de libros de texto e de material escolar con axudas. A irrupción do libro dixital tamén afectou. Na secundaria, hai departamentos que xa non mandan comprar o manual porque dan apuntes creados polos docentes. É absurdo que se pida material que logo non se use, por iso se apela á racionalidade.

-¿Cre que esta tendencia de redución se manterá no futuro?

-A escola ten que cambiar obrigatoriamente ao ritmo dos cambios sociais e tecnolóxicos da sociedade e está claro que hai que dotar ás escolas dos recursos que a poboación emprega. Por iso son defensor de que na aula haxa tanto xiz como ordenadores.