Iván Rodríguez: Cada verán na pel de Indiana Jones

Laura MARTÍNEZ / A.G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O ribeirense traballou nas escavacións dos castros de Neixón e da Cidade

01 sep 2018 . Actualizado a las 18:04 h.

Corría o ano 1981 e chegaba ás pantallas de todo o mundo a primeira aventura de Henry Walton Jones Junior, máis coñecido como Indiana Jones. O famoso arqueólogo, ademais de supoñer unha renovación do cine de aventuras, marcou un antes e un despois para un bo número de nenos, que se decidiron de forma temperá a estudar as civilizacións antigas. Pero mentres que, para moitos, aqueles impulsos se desvaneceron despois da estrea dalgunha outra película, o ribeirense Iván Rodríguez non puido evitar ceder ante aquela pequena revolución. «É algo que me nace dende cativo, unha vocación», afirma.

Cunha dose máis reducida de aventuras, pero non menos descubertas, o arqueólogo participou este verán por terceira vez no campo de traballo do Castro Grande de Neixón. Lévao facendo dende o ano 2015, cando aínda era estudante de Historia, e foi testemuña directa de importantes achados, coma os da muralla defensiva ou, a última, unha gran construción pertencente ao período medieval. Pero as súas mans tamén desenterraron o pasado no castro ribeirense da Cidade e en Porto Traveso e O Facho, ambos situados na serra do Barbanza. «A riqueza patrimonial da zona, e en concreto a arqueolóxica, é enorme. Aínda nos queda moito por saber dela», conta Rodríguez.

Pasar da teoría das aulas ás prácticas sobre o terreo non foi fácil, as ensinanzas nos campos de traballo van amodo e os avances fanse de rogar. «O primeiro que che ensinan é escavar estratificamente, logo hai que aprender a empregar os rexistros. Os comezos son máis para tomar contacto, pero despois empezas a descubrir cousas e, por pequenas que sexan, sempre che fai ilusión», explica o ribeirense. Por iso, e a pesar das dificultades que vive a profesión, espera poder repetir o próximo verán no xacemento boirense: «Neixón é un lugar de traballo privilexiado. Estar alí para min é como escavar cos meus amigos».

Riqueza arqueolóxica

Coñecedor da riqueza arqueolóxica que encerra a comarca, Iván Rodríguez ten algunha que outra dificultade para decidirse por un complexo en concreto: «Cada un deles ten unha singularidade». Pero a vea ribeirense acaba decantando a balanza polo castro da Cidade, o máis importante do municipio. Sobre este e outros moitos xacementos da zona, o arqueólogo apunta que o gran problema que padecen é o abandono xeneralizado no que se atopan: «A crise afectou a todo, e isto non ía ser menos».

Este desleixo parece contaxiarse, como unha especie de efecto dominó, a unha parte da sociedade. Ou viceversa. «É impensable que alguén vaia ás pirámides de Exipto, ao Coliseo romano ou a calquera outro monumento desta envergadura e se leve unha parte, ou se poña a facer milladoiros. Pero aquí pasa cada día e cada vez máis», manifesta o arqueólogo, que agarda que os concellos tomen medidas para poñer en valor e seguir recuperando o atractivo destes tesouros castrexos.

Porque o certo é que non corren bos tempos para facerse o Indiana Jones. «Estou a botar currículos, pero está todo un pouco parado», conta o ribeirense. A arqueoloxía é un terreo competitivo, cunha demanda escasa para a gran oferta de profesionais que cada ano se titulan na comunidade. Pero Iván Rodríguez conserva a mesma ilusión que cando era cativo: «O meu consello é que os rapaces fagan o que lles guste. Estou seguro que cando eles cheguen, a cousa estará mellor».

Vocación temperá. Cunha clara vocación dende moi novo, Iván Rodríguez non dubidou en estudar Historia, para logo especializarse no eido arqueolóxico.

Desenterrando o pasado. Ademais dos tres veráns que formou parte do campo de traballo de Neixón, o arqueólogo traballou noutros xacementos da comarca barbancesa, como o do castro ribeirense da Cidade, Porto Traveso ou O Facho.