Milagres a pares en San Ramón de Bealo

SERGIO ROMERO / a.G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A romaría gozou dunha asistencia multitudinaria que a volve situar como a máis representativa do Barbanza

01 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A romaría de San Ramón de Bealo goza dun aura especial. Dende ben entrada a mañá, as súas rúas, xa ateigadas de transeúntes, transmiten ese ambiente festivo que non iguala ningunha outra celebración do Barbanza. Mozos e non tan mozos están ante un deses días marcados en vermello no calendario.

A actividade comezaba no medio do monte coas primeiras aberturas de cremalleira, as cales permitían á xuventude volver a ver a luz do sol despois da verbena. Xa dende hai uns anos, a rapazada invade San Ramón cada 30 de agosto, tenda de campaña ás costas, para convertela nunha celebración para o recordo. «Para nós, é unha das mellores noites do ano. Unha despedida do verán por todo o alto», afirmaban ao unísono Laura Davila e Vera Outeiral, que acampan dende hai xa 7 anos.

Pouco a pouco, a mocidade ía achegándose á romaría para repoñer forzas. Postos de churrasco, polbo e sardiñas rechían unha praza abarrotada por centos de fregueses que agardaban celebrar a eucaristía solemne. Puntuais coma un reloxo, párrocos e coros situáronse no palco á unha da tarde para oficiar unha misa que correría cargo do clérigo Manuel Castro, xunto a Francisco Pena e Marcelino Sánchez.

Despois dun sermón multitudinario, tivo lugar a esperada procesión, onde centos de fieis seguiron á imaxe pola súa habitual travesía ao son da agrupación Aires do río Vello.

Peticións e manxares

Seguindo a tradición, moitas foron mulleres, embarazadas ou non, que se acercaron ao santo. Co mirto na man, realizaron o ritual co que esperan ter un bo parto ou quedarse en estado. «Por motivos laborais nunca podemos asistir, pero este ano non nolo podiamos perder», contan Adriana Mayán e Alberto Rial, que levan oito meses esperando á cegoña. Milagre dobre é o que agarda María Rial, que dará a luz a xemelgos proximamente: «Levamos vindo moitos anos e este non podiamos faltar. Vou ter un neno e unha nena».

Finalizada a misa, veciños e visitantes volveron aos seus campamentos, onde agardaba un manxar co que se ían poñer as botas. Tamén os houbo que preferiron protexerse do sol baixo as carpas dos restaurantes. «Vimos andando dende Boiro. Traemos unha fame inmensa», comentaba Francisco González.

No monte xa só se podía cheirar o churrasco. Decenas de campamentos tiñan a punto unha comida que se converteu en tradición. «Levamos máis de 30 anos asistindo. Temos mil anécdotas. Cando comezamos a vir non había nin rúa», afirmaba José Antonio Agra, membro da mesa de Os de Case Sempre».

A celebración volveu ser un éxito e motivo de orgullo para o seu párroco, Francisco Pena: «Cada ano hai máis xente e un ambiente fantástico. Todas as misas da mañá están ateigadas. É a mellor romaría da bisbarra».