Ramón Santos: «O noso obxectivo é poñer en valor o casco histórico da vila»

S. Gómez

BARBANZA

ANTÓN PARADA

O concelleiro aposta por dar maior pulo á carreira pedestre para superar os mil inscritos nos vindeiros anos

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Santos ten claro o potencial que atesoura a Carreira Pedestre Popular de Noia, A Nocturna. Recoñece que van a polos mil inscritos, aínda que apunta que esa meta chegará a medio e longo prazo. Como puntal deste proxecto considera que un percorrido polo casco urbano exercerá como mellor enganche para os corredores chegados de tódolos puntos da bisbarra.

-Logo de 40 anos, ¿que significa esta proba para Noia?

-Para nós é un orgullo chegar ao 40 aniversario. Como responsable da Concellería de Deportes, é toda unha responsabilidade garantir que tódolos participantes gocen da cita e da vila. Estamos traballando para que, pouco a pouco, creza no referente aos corredores.

-¿Que meta se marca nese eido para os vindeiros anos?

-Nesta edición non queremos poñernos ningunha meta, pero estamos sentando as bases co propósito de superar nun futuro os mil inscritos.

-O director deportivo da Nocturna, Ezequiel Mosquera, recoñeceu que é unha cita moi atractiva e con moito potencial.

-Está claro que a carreira está consolidada. Nas últimas edicións foise variando o recorrido, pero agora pretendemos estandarizar un que transcorra polo casco antigo. Traballamos nunha páxina web para dar información durante todo o ano. Faremos fincapé nunha maior difusión.

-Outras probas da bisbarra, como é o caso da Sin-Son, xa superaron os mil participantes.

-A nosa ten a súa propia idiosincrasia, xa que é unha das máis veteranas de Galicia. Noutro tempo, outras carreiras puxeron a nocturna como referente e hoxe están por enriba dela, como é o caso de Porto do Son, que se involucrou na Sin-Son. Nós temos que poñer a mirada en nós mesmos e darlle o empaque suficiente para que sexa atractiva para os corredores. Logo de 40 anos, hai poucas carreiras que teñan un recorrido polo casco urbano tan atractivo. Ademais contamos cos nosos veciños, que se involucran e apoian durante toda a competición.

-Recuperar o percorrido polo casco vello é fundamental.

-O noso obxectivo é poñer en valor o casco histórico. A diferenza de outras vilas, o noso maior potencial está nas prazas do Tapal, do Curro, na rúa Peregrina. Son lugares con encanto, nos que o público está moi preto. Quixemos escapar da periferia, aínda que o circuíto fose máis chan e os corredores mellorasen os tempos. Preferimos apostar por unha maior espectacularidade.

-¿Aumentarán os premios ou prefiren apostar polo corredor afeccionado?

-Non, nos temos que fixarnos deportistas profesionais. É unha proba popular, naceu con ese espírito fai 40 anos. Foi pensada para os noieses. Iso si, fainos felices que corredores do resto das vilas nos visiten, aínda que o protagonismo é para Noia.

-¿Poderá correla este ano?

-É imposible. Quixemos axilizar a entrega de premios, polo que mentres os adultos estean correndo tocarame entregar as medallas. Antes estes actos dilatábanse moito e a xente marchaba. Queremos evitar iso, e facer da carreira unha actividade festiva.

-É importante para que os participantes fiquen na Alameda ao rematar.

-Queremos atraer ao maior número de corredores, pero que a proba teña tamén un retorno económico. Buscamos que poidan gozar dun enclave único como é a Alameda. É importante que poidan quedar alí coa familia.

-Entendo que son moitas as persoas implicadas na realización desta carreira.

-Si, e gustaríame agradecer a implicación de Manuel Fariña e Alberto Pérez, en representación do Club Atletismo Noia. Sen o traballo de todos eles isto sería imposible, tanto para deseñar o circuíto como para realizar os controis. É destacable que sempre estean á nosa disposición.