Rati: «A liga decidirá onde debemos estar»

BARBANZA

MARCOS CREO

O rianxeiro aposta por darlle un xiro ao estilo do equipo durante o curso no cal vivirá o seu 50 aniversario

01 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Miguéns Rey (Rianxo, 1979), coñecido como Rati, afronta o reto de sentarse no banco dun histórico do fútbol barbancés como o Unión. Faino no 50.° aniversario do club, polo que a responsabilidade é aínda maior. Coñecedor do terreo no que se atopa, quere que os rianxeiros dean un paso á fronte para pelexar por todo.

¿Que espera desta tempada?

Basándonos en que o adestrador é novo, e en que queremos implantar un sistema de xogo un pouco diferente ao do ano pasado, prefiro ser cauto. A liga decidirá onde debemos estar. Queremos optar a todo, pero os procesos custan un pouco. Teño claro que me gustaría chegar aos últimos de partidos entre os dez primeiros. Os equipos que manteñen o bloque por segundo curso parten con vantaxe. Nós temos que implantar ideas novas e iso leva tempo. Se o facemos rápido creo que será unha boa liga. Canto máis tardemos, máis custará.

¿Que Unión lle gustaría ver sobre o céspede de Vilas?

Gústame que o futbolista entenda o xogo. Busco un estilo asociativo, de acumular xente, tanto defensivamente como ofensivamente. Non quero dicir que non vaiamos facelo en longo. O importante é que cada quen saiba escoller cando ten que xogar arriba e cando os centrais teñen que saír de atrás tocando. Temos que recoñecer onde temos a superioridade e aproveitala. A idea é esa.

¿Quenes serán os candidatos a comandar a categoría?

O Sigüeiro sen dúbida, fixo moi bos fichaxes de xente contrastada, incluso en categorías superiores. Os que manteñen bloque e adestrador, e que este ano se reforzaron cun par de xogadores tamén estarán aí. Flavia e Piloño creo que tamén serán candidatos.

Puideron manter practicamente o vestiario do ano pasado.

Quedaron o 80 % dos rapaces, pero sufrimos baixas por mor dos conxuntos da zona. Que haxa clubs en categorías por enriba nosa, como Puebla, Noia e Boiro, sempre afecta, porque os futbolistas queren xogar máis arriba. Veu algún rapaz novo, pero nalgunha liña faltan reforzos.

¿Dá o bloque por pechado?

Practicamente está feito. Pode caer algún, pero en principio conto con 22-23 xogadores.

¿Como valora a directiva?

Ten unha tarefa complicada, porque fichar é moi duro. O Unión non pode ofrecer soldos nin grandes salarios. Queren un proxecto sólido, pero son conscientes do cambio do adestrador.

Comenzan a tempada na casa contra o Val do Ulla.

O inicio será complicado para todos, porque os equipos aínda non están formados. A parte táctica aínda non se atopa asentada e os conxuntos cun fútbol máis directo parten con máis posibilidades. Se a actitude dos xogadores é boa, podemos facer moitas cousas interesantes.

¿Como valorou a chamada do Unión para dirixir aos séniores?

É positivo que confiaran en min no 50.° aniversario da entidade. Depositaron a súas esperanzas na miña persoa para facer unha boa liga. Viña de adestrar ao Conxo en Liga Nacional xuvenil e chamábame para coller un bloque sénior, tiña ganas de saír da base. Gocei de outras ofertas, pero a terra sempre tira. Veño dende Bertamiráns, pero é importante para min estar aquí.