Ezequiel Mosquera: «A Nocturna de Noia ten tódolos alicientes»

s. gómez

BARBANZA

ANTÓN PARADA

O exciclista considera que a carreira conta co potencial suficiente para chegar nun futuro aos mil participantes

30 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ezequiel Mosquera (Teo, 1975) exerce de director deportivo da Carreira Pedestre Popular de Noia, A Nocturna. Con centos de probas ás súas costas, considera que a cita barbancesa pode facerse forte no calendario galego se aproveita o seu potencial.

-¿Como ve a proba?

-É unha carreira que tradicionalmente xa tiña moi boa aceptación. É importante que os impulsores crean nela, porque é dunha competición moi boa á que se lle debe dar recorrido.

-¿A que se refire con boa?

-É nocturna, ten un recorrido polo casco urbano moi atractivo e conta con moito público. A praza está ateigada de xente ese día, hai un ambiente que non é sinxelo de atopar en moitas competicións.

-¿Que lle falta entón para dar un salto de calidade?

-Organizar unha cita de estas características non é fácil, nin para os concellos, nin para os clubs que están detrás. Leva tempo. Nós, con Emesports, intentaremos facilitar e engraxar ese esforzo, pero está claro que deben apostar todos, tanto economicamente como en equipo humano e en voluntarios.

-¿Onde está o teito da proba?

-Eu creo que a meta está nos mil participantes, pero non é un obxectivo para este ano. Hai que ir sentando as bases e nun futuro superarase facilmente esa barreira. Fai falla máis tempo, non se pode facer todo á mesma vez. Nun deporte tan de moda como o running, con tanta competencia e tendo unha carreira tan ben valorada hai que aproveitalo.

-¿Que medidas se deberían tomar? ¿Aumentar os premios?

-Os premios atraen a corredores de maior calidade, pero ao final son para dez deportistas. Para atraer a mil fai falla un percorrido suxerinte como é o caso. A proba ten tódolos alicientes, pero fai falla promoción, promoción e máis promoción.

-¿Virá algún corredor consagrado nesta edición?

-Os mellores esperan ata a última hora para apuntarse. Estúdanse entre eles. Lolo Penas, por exemplo, xa está inscrito. Nesta proba sempre houbo grandes deportistas e creo que volverán.

-¿Teñen prevista algunha novidade nesta edición?

-Imos facer un directo cunha pantalla xigante na Alameda. Sempre se xunta público e queremos corresponderlle. Ademais teremos un grupo, Caras B, para que, unha vez remate a entrega de premios, faga unha actuación en directo. Queremos facer unha festa do running, darlle ese cariz de, ademais da carreira, festa do deporte.