Marisé Muñiz: Unha vida bailando ao son da gaita

sergio romero / A.G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Dende fai 26 anos, a boirense imparte clases de danza no centro social de Escarabote

28 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O folclore galego é quizais o elemento máis importante da cultura autóctona. O son da gaita, o bater da pandeireta ou as populares muiñeiras amenizan todas e cada unha das grandes celebracións que teñen lugar na comunidade. Hai máis de 30 anos, froito desta forte tradición, a ANPA do CEIP Escarabote quixo que os seus fillos coñecesen de primeira man a súa paixón e naceu o que na actualidade é a Asociación Cultural Pedra da Aroña. Dende entón, infinidade de rapaces convertéronse en verdadeiros profesionais do baile da man de Marisé Muñiz, mestra da escola dende hai 26 anos.

Afincado no peirao de Escarabote, o grupo realizou uns primeiros pasos repletos de repercusión nun pobo que os acolleu cos brazos abertos. Aquela zona de ensaio inicialmente pensada para os pequenos da comarca non tardou en encherse de persoas de todas as idades dispostas a seguir as directrices de Muñiz: «Sempre nos sentimos moi queridos. Xente de todas as idades empezou a interesarse polo folclore e decidimos desligarnos da ANPA, pois o groso do alumnado xa non formaba parte do colexio. Convertémonos na Asociación Cultural Pedra da Aroña».

Despois das primeiras leccións, pouco tardaron en chegar as gañas de demostrar á veciñanza todo o practicado. Así, a modo de demostración, creouse o Festival de Música e Baile Tradicional Aroña, que o pasado 11 de agosto celebrou a súa edición número 30. Xestado cun carácter local nos 80, actualmente goza dun alcance nacional e incluso chega a Portugal: «Este ano veu o grupo folclórico Nuestra Señora de los Dolores, de Murcia. Tamén contamos en edicións anteriores con grupos de Alicante, Mallorca, varias escolas do país veciño. Imos dando pasos, cousa que debemos agradecer á xente de Escarabote e ao Concello de Boiro, sen eles sería imposible».

A súa paixón

Que Muñiz leve tanto tempo ligada á Asociación Cultural Pedra da Aroña non é casualidade. Xa dende ben pequena, con 8 anos, foi anotada por seus pais na escola de baile que por entón rexentaba Eduardo Alves da Costa. Baixo as indicacións do agora director do grupo de Ballet Folclórico Galego, coñeceu un mundo que non tardaría en converterse na súa paixón: «Eduardo foi o que verdadeiramente trouxo o folclore a Boiro. Inculcóunolo a todos os que participamos alí».

Con soamente 19 anos, mentres estudaba na universidade, recibiu a proposta da ANPA para impartir clases na súa escola de baile no ano 1992. A pesar das dúbidas iniciais sobre a súa capacidade para a docencia, Muñiz aceptou e dou o primeiro paso de cara a formar algo que a día de hoxe considera «unha familia».

A partir de aí, o crecemento da escola non deu tregua. Aquel pequeno grupo ao que a boirense deu as súas primeiras leccións comezou a multiplicarse: «É onde máis se nota a evolución da escola. Chegou un momento no que xa tivemos que formar un grupo para os maiores, outro para os pequenos, fixemos cursos de pandeireta e gaita. Sen a axuda de todos os que colaboran, isto non sería posible. Hai moita tradición. Faime sentir moi orgullosa ver nenas que empezaron con 4 ou 5 anos, que agora teñen 30 e seguen bailando. Que lles gusta o baile tanto como me gusta a min».

Durante todos estes anos, a paixón de Marisé Muñiz polo baile non minguou un ápice. Para ela segue sendo o que máis a fai gozar e algo que os galegos «levamos dentro»: «Cando imos fóra de Galicia, valoramos realmente a importancia que ten o que facemos. Estamos tan acostumados que non nos damos conta do que significa para nós. Temos actuado en outros puntos de España e ver xente galega que chegou a chorar con simplemente escoitar o son da gaita».

Festival de Nadal. Entre Noiteboa e Noitevella, Pedra da Aroña realiza unha exhibición no pavillón do colexio de Escarabote.

Foliada tradicional. A finais de outubro, a asociación celebra unha xornada festiva na que todos os interesados no folclore se reúnen no centro social da localidade.