«Os bateeiros teremos que buscar formas de traballo conxunto para reducir custes»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A unidade do sector e a apertura de novos mercados en Europa considera que son os grandes retos do futuro

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Descendente de bateeiros, traballa no sector desde os 19 anos e acaba de ser reelixida presidenta da Asociación de Produtores de Mexillón de Rianxo (Aspromeri), da que xa é a súa cabeza visible dende o 2014. Con 202 bateas e uns 150 socios, a organización que dirixe Dolores Gómez Ordóñez (Rianxo, 1972) é a máis grande das que integran Opmega.

-O sector está vivindo un momento excelente, acadando cifras récord de produción. ¿Como están resultando as cousas para Aspromeri?

-O pasado exercicio foi bo para a nosa organización e para o sector en xeral. En Aspromeri vendemos 12,6 millóns de quilos ás fábricas, fronte aos 10,8 do 2016. Tamén houbo un aumento na cantidade servida para fresco, que pasou dos 2,8 aos 3,3 millóns de quilos. A produción vai por ciclos e ultimamente déronse condicións que favoreceron unhas boas campañas.

-Tamén houbo un período moi longo sen toxina, algo que resulta pouco frecuente.

-Si, iso axudounos moito porque cando a toxina aparece durante a campaña é un gran problema que impide o desenvolvemento da actividade e contra o que non podemos loitar.

-Afirma que no sector hai ciclos e que a un período bo seguen outros malos, ¿como poden afrontar as oscilacións?

-Os bateeiros temos que buscar formas de traballo conxunto para reducir custes. Debemos unirnos porque, se vén outra crise económica, para moitos, especialmente para os máis pequenos, a actividade non vai ser rendible.

-A falta de unidade sempre caracterizou ao sector, pero parece que se van dando pasos.

-É unha pena que sigamos desunidos, con prezos de hai 20 anos e pelexando por cinco céntimos arriba e abaixo. É verdade que persoas como o presidente do Consello Regulador do Mexillón, Francisco Alcalde, están a facer un gran traballo nese sentido. Por exemplo, agora na denominación de orixe protexida do mexillón (DOP) hai máis de dúas mil das tres mil bateas existentes. Estamos máis unidos na DOP, pero non nos prezos.

-Agora hai moito máis mexillón certificado, pero aínda persiste o fraude na etiquetaxe.

-Continúa a ser un problema, pese a que os tribunais nos deron a razón. Seguen a facerse etiquetaxes, con referencias a Galicia, de molusco que non está amparado pola DOP, polo que son ilegais. A Xunta ten que facer un maior esforzo para controlar iso, co fin de que se cumpra a normativa nas mencións dos envases.

-A franxa norte da ría de Arousa concentra un importante número de bateas e, sen embargo, dá a impresión de que non se chega aos consumidores.

-Nese eido temos unha gran carencia. Non logramos que o mexillón sexa un produto de referencia na hostalaría. Na banda sur da ría ten maior presenza. Considero que deberíamos facer máis forza neste sentido e, de feito, é unha cuestión que temos abordado en reunións de Opmega, analizando a posibilidade de facer campañas de promoción.

-¿Cales son os grandes retos?

-Ter maior presenza no mercado europeo. Vendemos mexillón a Italia, pero hai países cun gran potencial nos que non estamos, e outros, que son grandes consumidores, pero non do noso molusco. Estase intentando na zona xermana, pero a cousa vai a modo. Somos competitivos e temos un produto de excelente calidade. Agora que vendemos bivalvo máis pequeno, de 70 ou 80 pezas en quilo, o mercado abriuse máis, pero temos que buscar as fórmulas para ampliar o destino ao que chega o noso bivalvo.

-¿Aumentou a demanda de mexillón pequeno?

-Cada vez véndese máis. Este ano xa tivemos pedidos en xullo por parte de algunhas fábricas. Temos que adecuarnos á demanda e resulta positivo que haxa un mercado amplo.