Marisa Lojo: «Estamos moi agradecidos co apoio de toda a xente de Boiro»

A responsable da entidade ultima os preparativos para a cea benéfica que se celebrará mañá no restaurante Chicolino

.
M.G.
Ribeira / La Voz

Conta máis de vinte anos como presidenta da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Boiro e, como a loitadora incansable que é, Marisa Lojo non deixa de traballar cada día para axudar aos demais. Mañá pola noite estará no restaurante Chicolino celebrando a tradicional cea benéfica que organiza a entidade boirense.

-¿Que esperan desta edición?

-O obxectivo é recadar o máximo posible. Por iso, dos 45 euros que custa a invitación, 5 son de donativo. Ademais, durante a cea venderemos rifas para sortear moitos regalos que aportaron as casas comerciais de todo o concello. Hai dende seguros para a casa ata vales de compra ou cambios de aceite.

-¿Como responde a sociedade ante estas iniciativas?

-Moi ben. A verdade é que estamos moi agradecidos co apoio que nos ofrece toda a xente de Boiro. A cea empezou sendo algo moi pequeno, case non viña ninguén, pero foi medrando pouco a pouco. O ano pasado superamos xa as 200 persoas e xuntamos máis de 4.000 euros.

-Quizais hai máis implicación porque é unha doenza que toca de cerca a moitas persoas.

-Por desgraza, si. Todos temos unha historia que contar relacionada co cancro. Iso fai que a xente sexa cada vez máis solidaria, aínda que teña menos posibilidades.

-¿Ve factible repetir o éxito da anterior convocatoria?

-Iso é o que nos gustaría. Xa non digo superalo, pero polo menos manternos nesas cifras.

-¿A que pensan dedicar os fondos que recaden?

-Un dos cometidos máis importantes da asociación é fomentar a investigación e poñemos moito esforzo por dar apoio económico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Marisa Lojo: «Estamos moi agradecidos co apoio de toda a xente de Boiro»