Terra e mar

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos foron os inventos do polifacético Galileo Galilei (1564-1642), pero sen dúbida que a súa maior achega á civilización foi desmontar a teoría do xeocentrismo, pola que ata entón se consideraba que o centro do universo era a Terra, postulándose pola dos defensores do heliocentrismo copernicano de que o noso planeta era un máis dos que xiraban arredor do sol, como xa se decatara algún sabio grego no século III a. C.

Logo veu Xesús de Nazaret e aclarou que, realmente, o centro do universo eran as persoas, pero aínda se segue cuestionando a súa doutrina, declinando os nosos dereitos heliocéntricos no dirixismo gobernamental, que non deixa de ser unha especie de «escravismo» xa que os valores do individuo quedan subordinados, cando non anulados, por un colectivismo uniforme, fenómeno que xurdiu e acelerou coa gran industrialización, chegando a ser esta tan agresiva que xa case non se cuestiona que foi -e segue sendo- a causa do gran deterioro da «casa común», como a define o papa Francisco, estando en grave proceso de degradación.

Certo é que a historia ensinounos que a raza humana acostuma a aliñarse máis coa artificialidade que coa racionalidade. Por exemplo, nesta bisbarra considerouse que a industria conserveira era un clímax imperecedoiro ata que nos decatamos de que ¡xa case non quedan peixes para enlatar!. ¿E agora que? Nunca a providencia abandonou ás persoas, polo que a recuperación das especies mariñas producirase, pero mentres deberemos ollar cara a terra, que sempre, como antano, deberon ser complementarias e merecedoras da mesma procura polos poderes públicos.