«Os coros da novena», un magma de emocións

Ciprián Rivas

BARBANZA

Editada por Espiral Maior, Fidel Vidal recrea unha figura paterna autoritaria que desenvolve un drama

22 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ule a traxedia desde o seu comezo. Máscase o remate como un algo inevitable que a protagonista non vai poder parar. Ofrece a impresión que aínda que puidese, tampouco ten moitas gañas.

Fidel Vidal exhibe nesta obra a través da súa protagonista, Amparo, todo un magma de emocións que só pode expor alguén que coñeza ao ser humano coma el. Non anda con artificios. A súa linguaxe é directa, sinxela. Son estas calidades as que amosan a un escritor que se esforza en ser comprensible para toda clase de lectores fuxindo de artificios gramaticais e lingüísticos.

O lector irá descubrindo paisaxes xeográficos que o poñen en contacto coa súa realidade cotiá e paisaxes emocionais duns persoeiros que arrastran as consecuencias de viviren as súas propias existencias. En tódalas familias sempre hai un cadáver que ule mal por non ser ben enterrado. Non ten porque ser físico. Pode ser por non completar as diferentes etapas que nos toca vivir.

Amparo procura e define cada uns deses fedores que teñen que ver co desamor, coa desesperanza, cos medos, cos abusos, coas convencións sociais abafantes.

Mareira, a vila (Ribeira), represéntase aquí como a Vetusta de La regenta de Leopoldo Alas Clarín. Fidel Vidal, achéganos a ese microcosmos onde habita o comerciante Antonio Caínzos, melómano, si así se lle pode chamar cando só siga a un músico, aínda que este sexa Beethoven no seu catálogo, pai e esposo, dono dun pasado que transformará a súa vida e o da súa familia.

Por medio del, os demais actores toman forma: tío Sindo, Vicente, Dolores, Amparo, Sara, Perfecto Albor, Gabriel Anxo, etc. Por medio deles, defínese. Máis el non fala. Faino a súa única filla que vai debullando a identidade do pai en cada páxina.

O autor

Pouco se pode dicir do autor que xa non se saiba. Médico especializado en Psiquiatría, pintor desde sempre, ensaísta, novelista. Fidel Vidal ten intereses en todo aquilo que poida espertar a súa curiosidade e busca na arte esa maneira de comunicar que sorprenda a túa sensibilidade, independentemente de que o desexes ou non.

É a curiosidade o motor que o move a explorar novos mundos; o mesmo que na súa nenez xogando na praia de Fariña, hoxe desaparecida, onde miraba como se foliaban as dornas, se pintaban os barcos ou xogaba con outros rapaces a que o mar non o mollara. Son experiencias, na súa maioría felices, que marcan o rumbo da túa vida.

Os coros da novena descifra unha parte importante da carga de memoria que atesoura o autor. Os que vivimos nesta franxa da ría de Arousa, os seus personaxes non nos deben resultar descoñecidos, a súa maneira de escribir, tampouco.