Unidos na memoria do boirense José Maceiras Vilasó

Un irmán e outros familiares do veciño represaliado en 1937 asistiron ao acto do BNG polo Día da Galiza Mártir


Ribeira / la voz

Nacido en Escarabote en 1915, José Maceiras Vilasó foi executado en Santiago o 23 de febreiro de 1937 xunto a outras seis persoas, a todas elas soterráronas nunha fosa común. Na lembranza do acontecido e na restitución da súa memoria uníronse en Boiro familiares, entre eles un irmán seu de 93 anos e a súa dona, así como veciños e integrantes do BNG, impulsores da conmemoración do Día da Galiza Mártir en Cimadevila.

O nacionalista Xosé Deira explicou que, ao igual que seu pai, José Maceiras Vilasó dedicouse á pesca e que non se lle coñece militancia en ningún partido político nin sindicato, «pero si como unha persoa seria, respectuosa e colaboradora no que fixera falta cos seus veciños». Deira indicou que foi acusado «por un tal Ramón Romero de que o ameazara cunha pistola para levarlle o millo, pero non era así».

Tamén fixo referencia á carta que Guillermo Torrado Jáudenes, alcalde de Boiro naquela época, remitiu ao tribunal militar e ao xeneralísimo pedindo a conmutación da pena para os sete condenados. Sen embargo, as súas súplicas non foron escoitadas. Deira rematou cuns versos de Celso Emilio Ferreiro dedicados aos mortos do 36.

No acto tamén interviñeron os concelleiros do BNG Carlos Branco Ansoar, quen reflexionou sobre a sucesión monárquica tras a ditadura franquista e que dixo que non podía vivirse sempre con medo; e Raquel Suárez, que explicou a orixe da celebración do Día da Galiza Mártir e do propósito de dar a coñecer aos axustizados.

A emoción embargou aos asistentes, especialmente aos familiares, que agradeceron a restitución da memoria de José Maceiras Vilasó.

Entre os asistentes atopábase o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños. As súas verbas foron para subliñar que a lei da memoria histórica non ten un propósito de desquite nin de linchamento cara ninguén, senón de lembrar uns feitos e ás persoas condenadas para renderlles o tributo que merecen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Unidos na memoria do boirense José Maceiras Vilasó