O Príncipe Carlos súmase á gran familia de xigantes e cabezudos da Pobra

A festa dos Sanxuerguíns será pola tarde para dar cabida aos máis cativos

A. G.
Ribeira / La Voz

Nada máis soar as 12 bombas de palenque, e ante a expectación duns nenos que sorrían de orella a orella, xigantes e cabezudos iniciaron onte pola tarde o tradicional desfile do Carme dos Pincheiros. Na compañía do grupo Gaitas Trécola, os principais protagonistas da celebración percorreron as rúas da Pobra do Caramiñal. Esta particular familia vese incrementada este ano coa incorporación dun xigante, o do Príncipe Carlos, xa que ata agora había reis, pero faltaba un herdeiro.

A chegada dun novo membro ao particular desfile do Carme dos Pincheiros é unha das novidades preparadas pola comisión organizadora para unhas celebracións que se prolongarán ata o vindeiro luns.

Nestas xornadas, nas que a vila está chea de visitantes e nas que moitos veciños que viven fóra aproveitaron para achegarse e gozar duns días en compañía das súas familias, os organizadores dos festexos buscan a participación de todos.

Novidades e sorpresas

Hoxe chega a segunda xornada e tampouco faltan as sorpresas. Un dos grandes cambios é o que atinxe aos Sanxuerguíns, unha cita que nesta edición terá lugar ás 16.30 horas e non pola noite, como era habitual.

Concello e comisión de festas acordaron adiantalo para posibilitar que os máis pequenos tamén sexan partícipes. A primeira quenda será para a Festa da Auga, mentres que ás 18.30 horas empezarán as sempre competidas Olimpíadas Pincheiras.

Non obstante, antes de que chegue o momento de mollarse e de poñer de manifesto a pericia na superación de distintas probas, haberá outras actividades. Durante a mañá, bandas de música e grupos de gaitas percorrerán a vila. Ao mediodía, xigantes e cabezudos volverán desfilar, escoltados polo grupo de gaitas Trécola.

Pola súa banda, os máis cativos poderán gozar do espectáculo que ofrecerá, na praza Cantón da Leña, Axóuxere Animación. A mañá rematará cunha sesión vermú na que distintas agrupacións actuarán polas prazas da vila. A Orquestra Saudade e Grupo Nievla estarán na verbena.

Na xornada dominical, despois dunha mañá envolta no son das gaitas e dos tambores, a procesión da Virxe do Carme tomará as rúas ás 19.30 horas, seguida dos cabezudos e dos xigantes. A imaxe da santa chegará ao peirao, onde se realizará unha ofrenda floral. Pecharán a xornada a orquestra Pasarela e grupo Canela.

O luns será o remate das celebracións. A festa da espuma, un parque infantil e a orquestra Kubo serán chave nunha folla de ruta que terá o seu colofón co tradicional combate naval e coa gran queima de fogos artificiais. Tamén aquí a comisión ten reservada unha sorpresa, para manter en vilo á concorrencia.

Numerosas persoas seguiron o primeiro desfile dos xigantes e cabezudos pola vila. FOTo Marcos creo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O Príncipe Carlos súmase á gran familia de xigantes e cabezudos da Pobra