O Bloque lembrará ao veciño de Escarabote Xosé Maceiras no acto do Día da Galiza Mártir

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O escenario seleccionado este ano pola formación Boiro Novo será o lugar de Ponte Goiáns

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O veciño de Escarabote Xosé Maceiras Vilasó, que foi represaliado durante a ditadura franquista e que morreu á idade de 21 anos, será a persoa lembrada este ano polo BNG de Boiro no tradicional acto que a formación leva a cabo en Cimadevila con motivo do Día da Galiza Mártir. Será hoxe a partir das 20.30 horas.

O concelleiro nacionalista Carlos Branco Ansoar e Xosé Deira, xunto a outros integrantes da formación, foron os encargados de adiantar onte algúns datos sobre Xosé Maceiras Vilasó, ao que non se lle coñecía ningunha afiliación política cando o réxime franquista rematou coa súa vida.

O Día da Galiza Mártir, como indicou Xosé Deira, comezouse a celebrar en Bos Aires e Montevideo no ano 1942, pero en España non foi posible facelo ata que se restableceron os dereitos democráticos.

Durante o acto estarán presentes, entre outros familiares, un irmán de Xosé que na actualidade ten 95 anos. Na homenaxe lembrarase que foi acusado de ter ameazado cunha pistola a un veciño para levarlle o millo, algo que non era certo. Sen embargo, xunto con outras persoas, foi levado ao cárcere de Santiago de Compostela e xulgado por delitos considerados de rebelión militar.

Outra cita en Ponte Goiáns

Pola súa banda, Boiro Novo tamén levará a cabo un acto para conmemorar o Día da Galiza Mártir. Neste caso terá lugar mañá ás 19.30 horas.

A formación política contará coa presenza do membro e expresidente da Real Academia Galega Xosé Méndez Ferrín. Tamén intervirán Manolo González, integrante da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, e a concelleira Dores Torrado.

Dende o partido indicaron que se escolleu como emprazamento o lugar de Ponte Goiáns co propósito de esixir ao Concello o cumprimento da lei da memoria histórica e eliminar a totalidade dos símbolos franquistas que aínda quedan. Torrado indicou que na fonte aínda persiste un.