Vinte anos da memoria do Santa Isabel

Xosé María fernández pazos

BARBANZA

CEDIDA

Unha exposición no Círculo permitiu ver por primeira vez a imaxe do barco

15 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén me lembraba estes días a primeira edición do meu libro Sálvora, memoria dun naufraxio. A Traxedia do Santa Isabel, no que recuperaría a historia dunha das maiores traxedias marítimas de Galicia, a do vapor-correo que transportaba emigrantes cara a Sudamérica, e que na madrugada do día 2 de xaneiro de 1921 embarrancaría nos baixos da illa ribeirense. 

Hoxe cúmprense 20 anos da exposición, na que por primeira vez os ribeirenses puideron ver como era o buque da Compañía Transatlántica Española. Aquela historia do gran barco que se afundira en Sálvora chegárame na voz da miña avoa Ramona, quen na súa casa do Pombal contábanos as vellas historias da nosa cidade, o que espertaría en min o interese polo noso pasado.

Curiosamente a historia do vapor-correo limitábase á tradición oral e apenas existía cita algunha en xornais, e no libro En un saliente de las rías bajas de Galicia, editado en 1972 por Agustín Fernández Oujo, no que aparecían algúns datos puntuais.

Ao longo dos anos recollín referencias do naufraxio e logrei dar con fotografías e documentos da construción e do expediente instruído pola mariña sobre a investigación do naufraxio. Barcelona, Viso des Marques (Ciudad Real), Cádiz, Madrid, Málaga, Ferrol, Xixón, Bilbao, Vilagarcía, Bos Aires, Montevideo, Valencia, Santander ou Santiago son algunhas das cidades nas que hai documentación relativa ao Santa Isabel.

Curiosamente, por razóns de sobra coñecidas e explicadas o longo destes anos, Ribeira, a cidade que se envorcou en acoller e auxiliar ás vítimas do naufraxio, non tiña documentación algunha, agás un documento asinado polo secretario do Concello que varios anos despois se desprazara á illa para entregar ás mulleres e homes as medallas de Salvamento e os cartos das recompensas.

Aquel sábado 15 de agosto de 1998, o Círculo Mercantil e Industrial, que por certo pronto cumprirá 90 anos de existencia, acolleu a exposición do naufraxio, no que en preto de 100 cadros, así como en 400 fotos e documentos, aparecería por primeira vez a imaxe verdadeira do vapor-correo Santa Isabel. Naquel acto, que contou co apoio do Concello de Ribeira, do que era alcalde José Luis Torres Colomer, participaron ademais a viúva do segundo oficial do Santa Isabel, Luis Cebreiro: Juana González García e as súas fillas. Tamén estiveron Manuela Sampedro Fernández, filla de María de Sálvora, e o irmán desta Manuel; sobriños das heroínas e algúns descendentes dos residentes na illa. A mostra, que estivo aberta durante un mes, foi visitada por preto de 9.000 persoas e posteriormente recorrería Aguiño, Cambados, Vilagarcía, Santiago e Viveiro. Un total de 50 arquivos públicos e privados utilizáronse para facer o libro e a exposición, da que hoxe se conmemoran catro lustros. A edición de autor contou, uns anos despois, cunha reedición en rústica, da que aínda queda algún exemplar solto.

Sálvora, memoria dun naufraxio serviría como base para reportaxes na televisión galega, en Voz Televisión e noutras cadeas locais, e publicaríanse ducias de artigos na prensa autonómica e estatal. Incluso a Revista general de la marina recollería un extenso artigo sobre o naufraxio baseado no libro. Algúns autores, pola súa banda fixeron novelas, contos e poemas.

Unha película

Na actualidade, a historia do Santa Isabel está a servir de base para unha película que realiza a produtora ourensán Agallasfilms, da que me honro en ser o seu asesor histórico. Está previsto que se estree a finais do 2019. Tamén se está a realizar un documental pola produtora Voz Televisión sobre pecios de Galicia e no que dada a importancia do naufraxio decidiuse incluír o Santa Isabel na serie que emitirá a Televisión de Galicia.

Non quero por menos de rematar esta lembranza agradecendo as persoas que colaboraron directamente naquel montaxe como Gerardo Crussat e a miña irmá María Fernández Pazos, e nos textos o escritor Luís González Tosar, que traballaron para que aquela historia fora recuperada da memoria colectiva e tivese a importancia que 20 anos despois logrou acadar