Kin García: «Estamos conseguindo traer aos mellores músicos do planeta»

Sergio Romero / M. G.

BARBANZA

MARCOS CREO

Dende mañá ata o venres, o Noia Jazz reunirá a fans de todo o mundo nunha novena edición repleta de estrelas

14 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando ninguén apostaba polo jazz, Kin García desviviuse por dar a coñecer un estilo musical relegado a un oco marxinal na axenda mediática. Despois de nove edicións, con moito traballo detrás, este músico contrastado e profesor do Conservatorio Superior de A Coruña pode dicir orgulloso que organiza un festival de repercusión mundial, o Noia Jazz.

-¿Como se presenta esta novena edición?

-Moi ben. Seguimos medrando e traendo grandes músicos. Como novidade, dicir que imos ter tres días de concertos, en vez de dous. É unha mostra de que se están facendo as cousas ben. Cada ano imos internacionalizándonos un pouco máis, aínda que xa contamos con artistas importantes o ano pasado, como Raynald Colom, un dos máximos expoñentes do jazz internacional.

-¿Quen serán os protagonistas dese paso máis cara á internacionalización do festival?

-Contamos con músicos de nivel mundial. Walter White, Steve Brown, Jorge Pardo, Clarence Bekker, Sabela Cereijo... Infinidade de grandes artistas. Estamos moi contentos co cartel que temos este ano. Recibimos moitas chamadas de diferentes puntos do mundo para obter información e poder asistir.

-Coa repercusión que está acadando o festival quedou pequena a praza na que se facía ata agora.

- Tivemos que cambiar a localización porque as previsións indicaban que na praza do Cantón, que é onde adoitamos tocar, non iamos coller todos. A seguridade é o primeiro e non imos correr ningún risco. O primeiro día tocarán no Cantón, pero despois trasladarémonos á praza da Constitución, para acoller un aforo maior.

-Dende o seu inicio, o Noia Jazz sempre apostou polos músicos da zona e pola xuventude, ¿quen saltará este ano ao escenario?

-En representación da vila de Noia participarán Fritanga, con Pablo Sax, un dos fundadores do festival, e Rafa Fernández, co seu proxecto A cara bonita da pedra. O xoves tamén participará o cuarteto Gara, un grupo de estudantes do Liceo de Barcelona. Son unhas máquinas.

-Están logrando que a xente se interese polo jazz.

- Si. Nos últimos anos estivo a rebentar. É importante para nós porque non é unha música que se dea a coñecer polas canles xerais. Cando hai calidade, a xente sabe recoñecela e iso agradécese.

-¿Onde está o seu teito?

- Sempre se quere máis, obviamente, pero sentímonos moi satisfeitos co que conseguimos. Estamos traendo aos mellores músicos do planeta. Cando empezamos, tiñamos que ir polos bares solicitando patrocinios. Isto era impensable. Toca gozar.