Yamil Doval: Unha guía turística alternativa

l. martínez / a. g.

BARBANZA

MARCOS CREO

Yamil comparte a través do seu blog lugares pouco coñecidos da xeografía arousá

14 ago 2018 . Actualizado a las 05:15 h.

Guías turísticas hai moitas e moi variadas, pero por algunha razón a maior parte dos visitantes que se achegan a un lugar acaba coas mesmas fotografías nas súas redes sociais. Barbanza non é unha excepción e rachar con esta uniformidade é un dos obxectivos de Yamil Doval. Este arousán comparte dende hai dous anos no seu blog os «currunchos e recunchos» máis recónditos que capta a través do obxectivo da súa cámara: «O que pretendo é que a xente valore o que ten ao lado, que vexa que non fai falta viaxar a París ou a Punta Cana para ver cousas impresionantes. Aquí tamén as temos, e non son poucas».

Os espazos escrutados por Doval cóntanse por decenas e están repartidos por toda a xeografía galega, chegando incluso a Asturias. Pero se hai un territorio que lle gusta descubrir e redescubrir, é o bañado polas Rías Baixas, en especial pola de Arousa. «Cando teño tempo libre, sempre aproveito para visitar sitios novos. É a miña maior afección», conta o blogueiro. Non hai lugar que se lle escape. O último en sumarse a esta extensa colección é a chamada aldea maldita de Abuín, en Rianxo. A lenda conta que foi abandonada despois da morte de gran parte dos seus habitantes a causa dunha peste. Hoxe, os restos destas antigas vivendas aínda seguen no lugar. «Apenas se distingue o que era cada edificio, pero continúa sendo un sitio moi escuro e lúgubre. Conserva esa aura de medo», explica Doval. De camiño, visitou tamén Quintáns, parroquia rianxeira salpicada de hórreos e cruceiros: «Teño moito material fotográfico, así que seguramente a próxima entrada do blog a dedique a estas dúas aldeas»

Aínda que a súa formación como fotógrafo é autodidacta, Yamil Doval pode presumir dun deses títulos que non se expiden nas universidades, pero que supoñen un motivo de orgullo coma poucos: embaixador das Rías Baixas. «Gañei un concurso organizado por Minube, unha plataforma para viaxeiros, que consistía precisamente en compartir pequenos lugares con encanto. Subira case 40 sitios», afirma o arousán. Como premio, ademais da contía económica, percorreu durante dous meses toda a costa e parte do interior da zona.

Redes sociais

Sumouse á moda dos blogueiros hai dous anos, pero Doval recoñece que crear contido en Internet na actualidade non é posible sen contar coas redes sociais. Por iso, deulle un impulso ó seu traballo a través das plataformas máis populares, Facebook e Instagram. «Nestas contas o que fago é complementar o que publico no blog para chegar a máis xente», explica. A estratexia funcionou e xa supera os dous mil seguidores en conxunto.

O complicado chega á hora de monetizar estes datos. «Claro que me gustaría dedicarlle máis tempo, facelo de maneira profesional, pero iso xa é cuestión de sorte», afirma Doval.

Polo de agora, este arousán con alma viaxeira confórmase con seguir explorando os recunchos segredos que lle desvelan os maiores de cada lugar e que vai marcando con estrelas nun mapa a modo de recordatorio. Non son poucos os destinos que ten pendentes, pero no seu horizonte máis próximo xa se destaca outro lugar rianxeiro: «Aínda non planifiquei a seguinte saída, pero levo moito tempo querendo visitar as fervenzas do Pozo Bastón, no Araño».

Aínda que Yamil Doval ten os seus favoritos, prefire que os usuarios se deixen sorprender: «En todas as entradas do blog hai comentarios de xente que descubriu ese lugar comigo». Agora xa non hai escusa para repetir foto no Facebook.