Lino Piñeiro: Ponte Goiáns recupera as moendas

Sergio romero / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os visitantes reciben explicacións sobre muíños de auga construídos no século XVIII

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A tradición é un dos piares da sociedade galega. Os seus bailes, a súa música, as súas estruturas. Tamén o mundo rural, cheo de ferramentas e maquinaria enxeñosamente construída para o traballo da terra. Coa mecanización dos labores agrícolas, este tipo de utensilios caeron no esquecemento, pero seguen espertando curiosidade de todos os que queren saber un pouco máis dos seus devanceiros. Nunha aposta clara polo turismo etnográfico, o Concello de Boiro ofrece dende o 1 de xullo a posibilidade de realizar visitas guiadas aos muíños de Ponte Goiáns, unhas estruturas que servían aos boirenses do século XVIII para moer o millo e o trigo coa forza da auga.

Naquela época, non existían as tecnoloxías de hoxe en día. Nun arrebato de astucia, os antepasados tiraron man de todos os recursos posibles para construír unha ferramenta que sería clave no seu devir económico. A pesar do seu aspecto rudimentario, o seu funcionamento habitúa sorprender aos máis descoñecedores da materia pola súa simplicidade. «O proceso é moi sinxelo. Levantas a comporta do río cun simple movemento de panca e a auga xa o pon en funcionamento. Así como o rodicio empece a xirar, este poñerá a moa a traballar», explicou Lino Piñeiro, técnico de turismo no Concello de Boiro e que exerce como guía destas visitas.

Unha vez posto en marcha, xa soamente hai que ter o millo preparado. Debúllase no ferrado para tomar a medida, sepárase dos lixos no cribo e listo para envorcar: «Unha vez dentro do muíño, os grans irán caendo pouco a pouco dentro do burato que se rexistra no centro da moa. Con ela xirando sobre o pé do muíño, os grans irán moéndose e converténdose en fariña que caerá pola intersección que hai entre eles. Logo diso, non podes facer moito máis. O proceso dura normalmente entre 5 e 6 horas, aínda que sempre depende da cantidade de millo que teñas».

Coma en todo na vida, hai xente que ten máis e outros que teñen menos. Poucos eran os que gozaban dun muíño propio, privilexio reservado aos máis ricos do lugar. En concreto, os aparellos de Ponte Goiáns eran propiedade dun numeroso grupo de veciños da vila, que repartían o seu uso en períodos de 21 horas: «Como uns necesitaban máis tempo ca outros, era habitual que negociasen para chegar a un acordo que beneficiase a todos».

Ata o 30 de setembro

Estes muíños foron reformados no ano 2008 polo obradoiro de emprego do Concello de Boiro. Dende entón, nunca existiu un programa de visitas como tal, pero formaba parte da iniciativa

Paséate con nós, cos xubilados como guías e organizado tamén polo executivo boirense. «Esta é a primeira edición destas visitas. Realizarémolas todos os xoves de 17.00 a 18.00 horas, ata o 30 de setembro. Rematado o prazo, os interesados deberán formar grupos e poñerse en contacto co Concello se queren ver os muíños», informou Piñeiro.

Ademais, os visitantes poderán contemplar multitude de ferramentas que se utilizaban no proceso da elaboración do pan. A empilladoira, o cribo, a peneira, o ferrado. Uns elementos que enriquecen unha visita que está gozando dunha gran aceptación: «Veñen tres ou catro grupos por semana. Está indo moi ben. Cada xoves hai máis xente Os artigos cedidos pola asociación O Faiado e polos veciños axudan a ambientar o percorrido».

A pesar de contar cun clima perfecto para gozar do bater do río, do cantar dos paxaros e das zonas verdes que arrodean ós muíños, Lino Piñeiro lamenta que, debido á escaseza de choiva, os visitantes non os poidan ver funcionar: «Sen auga, o muíño non funciona e nesta época non soen estar operativos. É unha magoa porque sería unha experiencia moito máis enriquecedora».

Habelas hainas. Con algo tan galego non poden faltar as meigas. Os muíños contan cunhas cruces que protexían as colleitas da mala fortuna e da Santa Compaña.

Muiñeiras. Era habitual que os veciños se xuntasen arredor dos muíños para bailar e realizar celebracións.