Manuel Mariño puxo de releve a gran riqueza en petróglifos que ten Baroña

O autor presentou o seu novo libro nun acto na Casa Forestal da parroquia sonense

.

ribeira / la voz ribeira / la voz

É un segredo a voces que a Manuel Mariño del Río encántalle mergullarse no pasado de Porto do Son e sacar á luz todo tipo de descubrimentos que axuden a entender mellor a historia deste municipio. Boa proba deste intenso traballo é o seu último libro, Petróglifos da parroquia de Baroña. Guía para coñecelos, gozalos e protexelos, que este venres presentou na Casa Forestal desta parroquia sonense, nunha cita a que acudiron máis de setenta persoas.

Ovidio Queiruga, presidente da comunidade de montes, foi o primeiro en tomar a palabra para falar de que esta obra é o resultado dun gran traballo iniciado hai varios años coa realización de distintas rutas nocturnas e charlas a nenos dos distintos colexios, co obxectivo de sensibilizalos sobre a gran riqueza etnográfica que existe en Baroña. O seguinte paso foi trasladar todo iso a un libro, e Manuel Mariño foi o encargado de facelo, unha encomenda que tamén serviu para inventariar 24 estacións máis que non estaban documentadas.

De todo isto falaron a continuación tanto Queiruga, como o propio autor con Manuel Cartea, presidente da Asociación Cultural Barbantia, que actuou de mestre de cerimonias, establecendo un fluído diálogo entre os protagonistas e o público.

O máis destacado

A investigación levada a cabo por Mariño del Río deu como resultado un libro que reúne os datos dun total de 75 petróglifos, e aínda que todos son importantes, o autor ten predilección por un: «O que está situado no outeiro da Pedra Follada. É un cervo grandiño que é visible desde 50 metros de lonxe, e no que chama a atención a cornamenta e a posición das patas». Recoñece que non é doado chegar ata el, pero que merece a pena o esforzo.

Manuel Mariño, que acaba de publicar este libro, xa ten moi avanzado outro sobre a historia de Baroña. «Atopei documentos que son unha auténtica marabilla. Teño documentación dos veciños desde o año 1.700», apuntou, ao mesmo tempo que calculou que podería sacar á luz a nova obra sobre a parroquia o próximo verán.

Esta semana coñecíase a triste noticia do falecemento do profesor e escritor nacido en Cervo, pero veciño de Rianxo desde hai décadas, Xesús Costa Rodil, un home moi comprometido que tiña en marcha varios proxectos. Entre eles estaba a publicación dun libro sobre a represión franquista que houbo na comarca do Barbanza. A Deputación coruñesa será a encargada de sacar á luz este traballo que, nestes momentos, atópase nas imprentas do goberno provincial.

Segundo apuntaron desde esta institución, o obxectivo é poder publicalo no último trimestre deste ano, e servirá como unha homenaxe póstuma.

Outros traballos de Costa Rodil que viron a luz foron Rianxo na Segunda República: firme apoio ao Estatuto de autonomía, Rianxo na Guerra Civil: campo de concentración de prisioneiros de guerra, así como outro sobre Castelao.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Manuel Mariño puxo de releve a gran riqueza en petróglifos que ten Baroña