Hai que volver ás barricadas

Olegario Sampedro VICEPRESIDENTE DE RENACER

BARBANZA

12 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hidra , o velenoso monstro acuático que custodiaba con esmero a entrada ao inframundo, posuía unha prodixiosa habilidade: cada vez que se lle cortaba unha das súas cabezas, brotábanlle dúas novas. Secasí, ao narcotráfico galego non lle fai falla gozar desa capacidade, pois é máis que evidente que as súas testas nunca lle foron completamente mutiladas.

Dende os colectivos que seguimos ratificándonos abertamente en contra destas bandas de delincuentes, asistimos perplexos e apesarados ao último transporte, que foi desmantelado polas forzas de seguridade. Cando semellaba que as dinámicas e os personaxes do libro e a serie Fariña eran cousa do pasado, observamos sorprendidos como moitos daqueles reais e indecentes individuos seguen actuando co mesmo pulo que despregaban na realización televisiva.

Dende a Asociación Renacer queremos publicamente felicitar o labor das forzas de seguridade e do Xulgado de Vigo que dirixe esta operación, así como o dos Grupos de Respuesta Especializada contra el Crimen Organizado (Greco) e as Unidades de Droga y Crimen Organizado (Udyco), sen esquecer ao Servicio de Vigilancia Aduanera e ao Grupo Especial de Operaciones polo seu tesón, profesionalidade e capacidade para volver a deter estes reincidentes, e mesmo aos novos, e presuntos, delincuentes.

Agora ben, mantemos o nidio convencemento de que algo falla no sistema xudicial, pois consideramos unha burla e unha ignominia que persoas en liberdade provisional con cargos deste tipo, reincidan, sen pudor ningún, en accións similares. Estimamos que o exercicio do contrabando e o narcotráfico mudou incluso para peor e, de ser un modus operandi, pasou a ser, incontestablemente, un modus vivendi. É incrible que personaxes que levan anos pisando xulgados e cárceres por causas relacionadas co narcotráfico e o contrabando, continúen mostrando unha saudable e lustrosa infraestrutura material e humana coa que seguir ríndose de toda a cidadanía, exercendo a súa noxenta misión con total obscenidade.

Hai que volver ás barricadas, hai que volver a esixir, hai que volver facer presión, e hai que significarse clara e abertamente en contra das drogas e do narcotráfico. E quizais, cando un capítulo de Fariña nos provoque un sorriso benevolente, sexamos quen de levar á mente a ese rapaz, que, desastrado, mendiga nas nosas rúas peonís. Poida que sexa o fillo dun daqueles históricos toxicómanos dos 90. Non esquezamos nunca que ambos foron, e son, as vítimas e os lexítimos herdeiros dos fariñentos.