Claudia Romeu: «Sempre me recordo debuxando»

L. MARTÍNEZ / A.l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Romeu vén de inaugurar a súa primeira exposición na casa da cultura de Noia

10 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xuntar o lapis co papel é un dos xestos máis repetidos nos primeiros anos da nosa vida, e tamén dos máis entretidos. Incluso cando debuxar se converte nun deber infantil, este traballo vívese máis como parte dun xogo que dunha materia académica. Co tempo, hai rapaces que paran, pero hai outros que descobren na ilustración un modo de vida e seguen debuxando máis alá do que se considera obrigatorio. Claudia Romeu Domínguez forma parte deste segundo grupo. Aínda que non pasou tanto tempo dende que as clases de Educación Plástica eran as súas preferidas -só conta 24 anos-, esta noiesa xa pode presumir dun traballo tan extenso como para recompilalo nunha exposición que se pode ver na casa da cultura da súa vila natal ata o 14 de agosto.

A mostra exhibe os froitos de seis anos de proxectos persoais, pero sobre todo académicos. Desde figurinos en acuarela, resultado das súas clases de moda, ata as ilustracións abstractas que presentou como proxecto de fin de estudos na Pablo Picasso da Coruña, Romeu amosa unha retrospectiva da súa curta pero prolífica traxectoria: «Sempre me recordo debuxando, e cando vin todos os traballos xuntos pensei que tiña que facer algo con eles. Non quería telos na casa collendo po».

A maior parte das obras son lenzos ou láminas que destacan polo seu eclecticismo. Pero se a autora se ten que quedar só con un, aínda que a decisión é difícil, sería coa serie que explica a teoría da relatividade de Einstein: «Son unha ducia de cadros nos que intentei reflectir esta realidade científica utilizando a linguaxe visual das vangardas, que son coetáneas a este descubrimento». A noiesa asegura que plasmar un concepto coma este, «tan máxico e pouco visual», nun papel ou incluso nunha prenda de vestir é o máis complexo do traballo dun artista, pero tamén o máis interesante.

Camiño de Londres

Romeu forma parte desa xeración sobradamente preparada que ten que enfrontarse a un complicado mercado laboral, aínda máis se cabe no eido artístico. Formouse como deseñadora de moda e ilustradora na formación profesional, pero a falta de oportunidades levouna a dar o salto á universidade: «Cando acabei os dous ciclos non me saía nada de traballo, así que decidín continuar coa formación e matriculeime no grao de Publicidade e Relacións Públicas en Segovia». One, esta exposición na que se estrea como creadora, é a primeira oportunidade que ten para amosar do que é capaz de facer, e espera que non sexa a única.

A ilustradora probará sorte o próximo curso en Madrid: «Queda a só unha hora de Segovia e vou intentar buscar unha sala para repetir a mostra». Será antes de dar o salto a Londres, a onde se mudará ao remate dos seus estudios para facer un mestrado na escola Central Saint Martins. «Estiven este mes de marzo alí facendo un pequeno curso e encantoume. Vin que tiñan un curso de animación e a miña idea é encamiñar o meu futuro nesa rama e tamén nesa cidade», conta a noiesa.

Precisamente as pequenas historias animadas que Claudia Romeu debuxou son un dos atractivos da mostra que exhibe en Noia. Outro foi o curso de iniciación ao Photoshop que ela mesma impartiu ao longo de catro días: «Foi todo un reto para min, porque nunca antes dera clase. Ao final resultou ser unha experiencia moi boa». Algúns dos seus alumnos, que tiñan entre 10 e 70 anos, incluso lle chegou a entregar un proxecto final empregando os coñecementos adquiridos. Porque hai cousas para as que non hai idade.

Retrospectiva. A exposición, que recolle os traballos máis destacados da traxectoria da ilustradora, pódese visitar ata o 15 de agosto na casa da cultura de Noia.

Formación. Claudia Romeu estudou os ciclos de Deseño de Moda e Ilustración, e actualmente está cursando o grao de Publicidade e Relacións Públicas en Segovia.