Manuel Mariño: Unha guía para coñecer a nosa historia

O autor sonense acaba de publicar a obra «Petróglifos da parroquia de Baroña»

a. l.
ribeira / la voz

A enxeñosa mente de Manuel Mariño del Río non para de crear. Cunha decena de publicacións no seu haber, o sonense volveu afiar o lapis para escribir Petróglifos da parroquia de Baroña (Porto do Son). Este libro conforma unha pequena guía cos 75 motivos rexistrados na vila, os cales datan de entre o 3000 e o 1500 antes de Cristo. A obra será presentada este venres, ás 21.00 horas, na Casa Forestal de Baroña. Ademais do autor, estarán presentes Ovidio Queiruga, presidente da comunidade de montes, e Manuel Cartea, responsable da Asociación Cultural Barbantia.

As 130 páxinas do libro sinalan a localización de todos os petróglifos, a súa orixe, os seus artífices... Unha inmensa recolleita de datos que durou arredor de ano e medio. Ao longo dese tempo, Mariño percorreu o monte de arriba a abaixo e realizou infinidade de fotografías e debuxos na busca da representación perfecta: «O último rexistro sumaba 38 petróglifos. Nós atopamos 75 e críamos que era o momento de sinalalos e telos controlados. Comenteille a idea a Ovidio Queiruga, o presidente da comunidade de montes de Baroña, e pareceulle sensacional».

Coa obra rematada e a punto de ser mostrada ao público, chega o momento de recoller os froitos do traballo realizado. Sen embargo, Mariño non admite que os méritos vaian para el só: «É moi gratificante ver plasmado nun libro o traballo de tantos meses, de ofrecerlle á xente a posibilidade de ver algo que doutro xeito non verían. Sen embargo, sería imposible facelo sen axuda. A comunidade de montes ofreceu unha axuda inestimable dende o primeiro día. Ovidio ía comigo ao monte e axudoume a atopar todos os motivos, e o colectivo A Rula facilitoume moitas fotografías nocturnas. Ademais, a miña muller tamén me deu algunha idea, para min, brillante, como foi indicar a dificultade de acceso a cada petróglifo con cores».

Ademais de para mostrar aos lectores a historia destes debuxos gravados en pedra e guialos na súa busca, a obra executa tamén unha labor de protección. Grazas á identificación dos lugares nos que se atopan as rochas, agora será máis doado o seu mantemento: «Cada vez que se constrúa algo no monte de Baroña, terán máis coidado nas zonas indicadas».

Máis ca unha afección

A afección de Manuel Mariño polos petróglifos vén do seu «gusto polo monte e por traballar aspectos de tipo histórico». Xa no ano 2000, o autor sonense deu un primeiro paso na investigación das estacións localizadas en Porto do Son coa obra Os petróglifos de Porto do Son. Nesta guía, o autor sinala os 13 motivos cos que contaba o concello naquela época, dos cales catro correspondían á parroquia de Baroña.

Aínda que non volveu escribir sobre este tema ata hoxe, Mariño nunca deixou de lado o seu gusto polo monte. Dende hai cinco anos, en colaboración coa comunidade de montes de Baroña, o sonense realiza diversas rutas para que os interesados poidan ver os petróglifos dun xeito máis doado: «A próxima será este sábado, ás nove da noite. Antes de saír, dou unha charla para explicar o que imos ver. Despois, con lanterna en man, realizamos o camiño preestablecido. Temos chegado a ser 50 persoas. Foi unha das razóns que me impulsou a facer a guía, pois vin que había moita xente interesada no tema».

Seguindo as palabras de Antonio de la Peña, que ocupan a introdución do libro, Mariño cree tamén que, pouco a pouco, se está conseguindo que os petróglifos obteñan o valor que lles corresponde dentro do conxunto dos sinais de identidade do pobo galego: «Xa non somos catro ‘pillados’ aos que lles gusta o monte. Hai moita xente traballando moi ben. Hai que coñecelos, gozalos e protexelos. Son a nosa historia, o noso pasado».

Sen freo. Sen aínda presentar «Petróglifos da parroquia de Baroña», Manuel Mariño xa ten na mente a súa próxima obra. Apoiándose en material do arquivo parroquial, prepara un relato sobre a historia de Baroña entre o ano 1700 e a actualidade. O escritor agarda telo rematado para o próximo verán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Manuel Mariño: Unha guía para coñecer a nosa historia