Xesús Costa: Se va e caimán, se va el caimán...

O mestre rianxeiro faleceu onte na praia de Quenxo


Quen coñecera a Xesús Costa, lugués de nacemento e rianxeiro de adopción, preguntarase a santo de que vén o título que encabeza esta pequena homenaxe a un home de letras e historia e un mestre enorme. Pois resulta que era unha canción que lle gustaba, ou polo menos lle gustou nalgún momento da súa vida, e que un día cantou na praza do Pilar de Zaragoza. Acompañounos na excursión de fin da EXB e regalámoslle unha cinta de casete que incluía a Se va el caimán, se va el caimán.

A idea non foi nosa, foi de Bernardino, o outro profesor que nos levou a aquela viaxe, pero todos aportamos o noso gran de area sen discusión porque don Xesús (é dos poucos mestres aos que todos os da miña xeración seguimos chamando don) merecía ese pequeno agasallo que fixo que se emocionara atas as bágoas.

Agora somos os seus antigos alumnos os que choramos, pero de tristura, porque, igual que o caimán, foise para non volver. Deixa, iso si, o patrimonio de todo o coñecemento que sementou en varias xeracións de rapaces rianxeiros. Era un home bo, un mestre bonachón ao que non sempre mostramos o respecto debido, precisamente, pola súa bondade. Era unha persoa que gustaba da pulcritude no traballo, no propio e no dos seus pupilos, que se desvivía por que todos aprenderan a lección e que facía o imposible por captar a atención dun auditorio sempre difícil como é o adolescente. Igual non conseguiu inculcar todos os coñecementos que el quixera nos mozos rianxeiros durante os 35 anos que exerceu de mestre, pero si logrou que o recorden con cariño.

Ademais do ensino, a historia era a paixón de don Xesús, á que puido dedicarse de cheo cando se xubilou hai algo máis dunha década e que frutificou en varias publicacións. Escribiu moito sobre a memoria histórica e os campos de concentración que funcionaron na comarca, sobre a Segunda República e sobre o devir de Rianxo. Unha vila á que chegou no 1972 e que segundo el mesmo confesou nunha ocasión «dende o primeiro día xa me enredou co seu galeguismo encarcerado». O mesmo Rianxo que onte ficaba consternado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Xesús Costa: Se va e caimán, se va el caimán...