Carme Veiga: Unha patroa que rompe moldes

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

O carácter e o amor polo deporte levaron a Carme Veiga a dirixir o temón da traíña masculina do Club de Remo Rianxo

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin a bravura do mar, nin as treboadas, nin o xélido frío que sentiu en alta mar durante as interminables tardes de inverno esgotaron a determinación de Carme Veiga (Rianxo, 1997). Comezou no mundo do remo, como ela di, por imposición, pero o que nun inicio foi case un castigo, converteuse nun estilo de vida, nunha paixón que a leva a sentirse completa cando o salitre se lle pega á pel mentres dirixe o temón da traíña do Club de Remo Rianxo.

A dela é unha historia de constancia, na que o seu carácter a levou a seguir cara diante nun mundo cheo de obstáculos. Comezou remando nas categorías base de Cabo da Cruz, canteira de algunhas das mellores deportistas de España. Foi o actual adestrador da traíña da Liga Euskolabel, Beni Silva, o que lle insistiu aos seus pais para que se animara a probar o remo. «Eran amigos e comentáballo a miúdo. Eu non quería, pero a primeira vez que fun engancheime. É un deporte que atrapa», confesa a veciña de Taragoña.

Non foi ata os 18 anos que deixou Boiro para recalar no club da súa terra. Precisaban dunha patroa e non o dubidou. A pesar de tratarse dunha traíña masculina, tirou cara adiante. Logo de catro anos en Rianxo, ten clara unha máxima: «Non volvería a un equipo feminino, aquí hai moita máis piña. Somos unha familia», recoñece entre risas.

Confesa que os comezos non foron sinxelos, que a algún dos veteranos da competición lles custaba ver unha muller dirixindo a bancada. Non lle afectou o máis mínimo: «No club sempre me trataron como ao resto. Nas regatas sempre escoitas algún comentario, pero non me preocupa, vou ao meu. Co tempo gañei o respecto de todos».

Gran responsabilidade

A pesar da súa xuventude, aos seus 22 anos non se esconde cando dirixe a traíña rianxeira: «Sempre fun patroa. Sei a responsabilidade que teño, pero intento dalo todo. Se o fago mal, aféctalle a todos. Por iso intento mellorar continuamente». A rianxeira destaca con humildade todo o que lle queda por aprender, aínda que, ao seu favor, asegura, xoga o coñecemento que ten da xente do seu redor.

«Son unha patroa novata, pero creo que sei como tratar a cada compañeiro para intentar sacar o mellor que ten», confesa. Para intentar medrar neste mundo conta cun adestramento específico de forza. Busca aguantar mellor as acometidas do mar nos días que a bravura da auga e do vento son maiores.

A pesar de que a paixón polo remo come gran parte do seu tempo, non só del vive Carme Veiga. A rianxeira cursa o grao en Administración e Xestión de Empresas en Vigo. Confesa que o deporte nunca foi un impedimento nos seus estudos: «Os mestres sempre valoraron moi positivamente que fixera deporte».

Chegados ao ecuador da Liga Galega de Traíñas, na que Rianxo se atopa como octavo clasificado, Veiga sinala que a meta non é outra que «mellorar e conseguir gañar a segunda quenda. Estamos aí pelexando con Puebla, Vilaxóan e Amegrove». A veciña de Taragoña destaca o apoio de Eclise, o seu técnico, quen apostou por ela e lle deu a confianza que precisaba. É por iso que, a media prazo, quere que a bancada chegue á quenda de honra.

Aínda que os plans poden cambiar, o que ten claro Carme Veiga é que seguirá remando moitos anos: «Hai xente que non entende que prefira facer deporte que saír, pero sempre digo o mesmo, o remo deume máis do que me quitou». A rianxeira demostrarao rompendo moldes.