A Deputación impulsa o cine galego coa proxección comercial de 13 longametraxes

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O goberno provincial investirá 124.000 euros para achegar ao público da comarca as producións que se fan na comunidade

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación coruñesa segue apostando forte pola cultura galega e, nesa liña, acaba de presentar un novo proxecto que ten como obxectivo achegar ao público da provincia, e tamén da comarca, as películas que se fan na lingua propia. Filmes que están acadando moita repercusión e premios, como Dhogs, A batalla descoñecida, Sicixia ou O soño de papá, disporán de axuda pública para a súa distribución. En total, serán 13 longametraxes de 11 empresas as que se verán beneficiadas por esta medida grazas a unha partida orzamentaria de máis de 123.800 euros.

A vicepresidenta provincial, Goretti Sanmartín, recoñeceu que «un dos grandes problemas do sector audiovisual galego é a dificultade para a distribución e difusión dos contidos producidos, e é nese ámbito xustamente onde quere incidir esta nova liña de axudas, que completa outras iniciativas da área de Cultura da Deputación destinadas a este sector, esencial para o fortalecemento da nosa cultura».

Publicidade e dobraxe

O diñeiro que percibirán as produtoras a través destas subvencións poderá empregarse en accións de márketing, publicidade, dobraxe e subtitulados ou en pagar a asistencia a festivais, entre outros conceptos. De feito, os certames audiovisuais serán uns dos encargados de favorecer a proxección destas longametraxes, xunto coas casas de cultura, cineclubs ou salas comerciais.

A importancia estratéxica do sector para poder difundir contidos feitos en galego foi un dos motivos que levou ao goberno provincial a sacar adiante este proxecto, «porque a produción audiovisual é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto que permite xerar un discurso propio cara si e cara os outros, e articular un espazo de referencias propio e recoñecible», defendeu Sanmartín, que para o deseño desta actuación contou co asesoramento de Manolo González, director da Axencia Audiovisual Galega durante o bipartito da Xunta.

Apoio a festivais

A Deputación suma esta nova liña de axudas ao programa Visións -da Rede Cultural-, que ten como fin impulsar a difusión dos contidos audiovisuais na programación cultural dos distintos municipios da provincia, facendo especial fincapé nos traballos feitos na comunidade.

Ademais, outra das patas deste proxecto é apoiar distintos festivais organizados tanto por concellos como por entidades sen ánimo de lucro. Entre as iniciativas que percibirán axuda este ano están a Mostra de Curtas Vila de Noia, Curtocircuíto, Cineuropa, Carballo Interplay, Chanfaina Lab de San Sadurniño, Cinema Crianza de Ames, S8 ou Freakemacine.

Precisamente, o festival de cine noiés será un dos que máis respaldo reciba do goberno provincial, posto que na edición deste ano, que terá lugar en novembro, contará cunha subvención de 45.000 euros.

Filmes

As películas incluídas nesta liña de axudas son: «Dhogs», «A batalla descoñecida», «O futuro da mente», «Trote», «Memoria dun home en pixama», «A estación violenta», «Co vento», «O león dorme esta noite», «Beautiful boy», «O desafío do Sil», «Sicixia», «Sea bests» e «O soño de papá».