Quen non honra, deshonra

Ciprián Rivas

BARBANZA

01 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación municipal de A Pobra acaba de aprobar en sesión plenaria, grazas aos votos dos concelleiros de Nós Pobra, BNG e PSOE, anular o acordo polo que se lles concedeu a Gerardo Fernández Albor, primeiro presidente electo de Galicia, e a Segundo Durán Casais, exalcalde, a honra de seren seus fillos adoptivos. Quen non honra, deshonra. ¿Que sentido ten ir contra dúas persoas que non están no mundo dos vivos e se caracterizaron por servir a Galicia, un, e a A Pobra o outro, por riba de moitas convencións sociais? ¿Que pode provocar tan considerable falta de lucidez política e, á súa vez, tan mala fe, nuns representantes do pobo que desprezan o traballo realizado no pasado polos seus compañeiros de corporación? Acaso, ¿non existirán problemas máis serios que enfrontar na xestión diaria do Concello que crear un desasosego sen sentido?

A oportunidade política desta decisión coincide co pasamento, fai uns días, de Fernández Albor polo que esta medida non se pode considerar que se realizara de maneira aleatoria. Máis ben débese albiscar que é por unha máis que notable ansia de notoriedade. Os regulamentos de honras e distincións dos concellos, no caso da provincia da Coruña, moitos realizados baixo un modelo tipo aportado pola Deputación, teñen como fin o de exaltar aquelas persoas, institucións ou empresas que se destacaran nunha materia salientable que beneficie ao conxunto dos habitantes dun concello. Realízano as corporacións como unha fórmula de agradecemento e con ánimo de servir como exemplo para todos os cidadáns. Mal negocio.

No intre no que se asume o poder, quen goberna desexa premiar aos seus por méritos que se consideran máis que merecidos. Se non se acorda coas outras forzas comeza a guerra de comunicación e propaganda entre partidos sen contar coas familias dos que non se poden defender por non estar xa neste mundo. Neste contexto o regulamento de honras dunha organización convértese nunha ferramenta ao exercicio dunha estratexia baseada na comunicación política. Non debería ser así porque se está a xogar coa honra das persoas, coa imaxe da vila e, por ende, denigrando a actividade política para a que foron elixidos. Mal negocio.

Albor, traballou pola Pobra. Grazas a el, entre outras obras, está a ampliación do peirao no que atracan os conxeladores, a residencia da terceira idade, diferentes subvencións para obras de infraestrutura e, tamén, os acordos, conformados por Durán, para que hoxe exista a autovía da Barbanza grazas a un pacto ao que se chegou no restaurante O Lagar onde Manuel Velo e el deciden esquecerse de rifes rafes e tirar para diante. Testemuñas deste acordo foron Albor, diferentes conselleiros do seu goberno, así como empresarios dos concellos limítrofes.

Algún día debería contarse o compromiso de Segundo Durán co Barbanza para que o hospital comarcal fose unha realidade enfrontándose aos seus propios compañeiros de partido. Era un home con criterio propio, o mesmo que Albor. Característica que, parece ser, hoxe non está de moda no exercicio político onde o pensamento é líquido, tal como desenvolveu Zygmunt Bauman. 

Pode enviar os sus textos ao correo redac.barbanza@lavoz.es