Rosa Odenwalder: Trazos que resoan a morriña

Laura MARTÍNEZ / m.X.B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A artista expón unha vintena de retratos dos grandes compositores da música clásica

31 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por moitos anos que un pase lonxe da súa terra, sempre conserva costumes, xeitos ou matices que amosan de quen vén sendo. O caso de Rosa Odenwalder non é diferente. Aínda que o seu exótico apelido poida levar a engano, esta artista plástica afincada nos Estados Unidos naceu na parroquia ribeirense de Castiñeiras. «Sempre penso na miña terra cando estou traballando e iso empapa a obra. Non ten porque ser algo intrínseco, senón que son pequenos detalles. Nótase sobre todo nos trazos», afirma a creadora. Agora, os seus veciños poden ver os froitos da súa morriña no restaurante do Club Náutico Deportivo de Ribeira, que loce unha vintena das súas creacións ata o próximo 31 de agosto.

A mostra está formada por unha selección de ilustracións dixitais da serie Xenios: Retratos dos 30 magníficos da música clásica, unha aposta persoal da autora que ten moito que ver coa súa infancia e adolescencia na cidade barbancesa. «Comecei no conservatorio de Ribeira cando tiña só seis anos e esa formación creoume un fondo musical moi forte. De feito, cando marchei para os Estados Unidos, seguín recibindo clases polas tardes nunha academia de música en Nova Jersey», conta Rosa Odenwalder. Nesta exposición pódese observar unha xenealoxía musical que acolle a compositores como Beethoven, Vivaldi, Bach ou Mendelssohn. Todos eles retratados cun trazo actual, pero que respecta o estilo compositivo de cada un: «As representacións teñen unhas características e unhas cores que son distintivas da época á que pertence o autor e da súa traxectoria na historia da música».

A ribeirense regresa deste xeito á súa vital natal, onde xa exhibira outras creacións de estilo libre nos anos 2007 e 2008. A súa partida cara a cidade de Nova York cortou esta xeira de mostras hai unha década. Alí marchou para estudar Arte e Deseño Gráfico e comezou a traballar no mundo da publicidade, creando deseños para empresas de renome como Disney ou Nestlé. «Cando acabei na universidade o traballo apareceu de súpeto. A verdade é que é un lugar moi aberto e cosmopolita, que ofrece moitas oportunidades para os que traballamos no mundo artístico», explica a ribeirense.

Creacións propias

Pero se ten que escoller, Rosa Odenwalder prefire desenvolver iniciativas propias: «Se un artista ten liberdade creativa, as cousas saen moito mellor». Por iso, ademais desta mostra, a ribeirense pretender presentar o seu novo traballo tamén na terra que a acolleu: «Vivo nunha zona moi vinculada coa música, preto do Lincoln Center e da Librería das Artes, e xa comecei cos trámites para ter algo alí. Quero que este traballo se vexa antes de emprender novos proxectos».

Precisamente o seu futuro pasa por dedicarlle máis horas a plasmar no papel ou no lenzo temas máis intimistas: «Tiven a sorte de traballar para clientes moi interesantes, pero agora mesmo apetéceme centrarme en asuntos que me conmovan».

Xa ten en mente unha nova idea, que comezou a cristalizar durante as súas vacacións estivais no municipio barbancés. Trátase unha nova serie de retratos dixitais, pero desta vez de autores consagrados da literatura galega. «Esta semana comecei a facer os de Rosalía de Castro, Castelao e Valle-Inclán», comenta Odenwalder. Un deles quedará no Museo do Gravado de Artes. A artista vai doar ademais tres das obras que compoñen exposición Xenios ao conservatorio ribeirense.

Horarios. A exposición pódese ver ata o 31 de agosto no restaurante do Club Náutico Deportivo de Ribeira de 9.30 a 24 horas.

Doazón. A artista vai doar tres das obras que compoñen esta mostra ao Conservatorio Profesional de Música ribeirense.

Novo proxecto. Odenwalder xa comezou unha nova serie de autores galegos coma Castelao ou Valle-Inclán.