Teremos que collelo touro polos cornos

Antón Parada CRÓNICA

BARBANZA

26 jul 2018 . Actualizado a las 11:20 h.

Xuro que por un instante estaba completamente decidido a escribir da necesidade da defensa da patria, de Galicia e todas esas cousas oportunistas que se adoitan a proferir nun 25 de xullo. Sen embargo, pensei que esta ocasión prestábase para falar da necesidade da defensa da patria e de Galicia e todas esas cousas máis importantes que laiarse novamente nun 25 de xullo de que os nenos xa non falan galego e de que xa ningún mozo le a Rosalía ou a Pondal. Spoiler: para un rapaz de 14 anos, por exemplo, de Vigo ou A Coruña, enfrontarse á Esmorga  seguramente sexa tan divertido e accesible como para un toledano da mesma idade dixerir O Quixote. Mestres de galego, probade con Ferreiro, Manuel Antonio e paciencia. De nada.

Actualmente, esta terra afronta perigos moito máis graves que os cativos estean a perder o emprego da fala galega. O principal risco pasa porque no futuro non queden cidadáns nas catro provincias que a poidan exercitar e si moitas novas provincias nas que os seus descendentes aprenderán alemán, inglés ou calquera verba dun país onde haxa traballo. Mais a emigración é unha consecuencia, non un detonante. Precisamente, está nas mans da Xunta o non dar autorización para premer ese metafórico botón vermello, quilómetros arriba do río Ulla.

Cobre San Rafael, apropiado nome para unha empresa, de conxugarse o imperativo en castelán, claro. Corro o risco de sonar repetitivo, pero o proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino non vai recoller suficiente do substantivo, como a cantidade de adxectivos que pode verter na ría de Arousa. Novo spoiler: todos serían pexorativos. Pero deixemos a retórica lingüística e falemos claro. O sistema de extracción que pretende empregar esta firma, apoiada pola multinacional Atalaya Mining, presumía uns vertidos anuais de mil litros de auga durante os tres primeiros anos, así como a realización de preto de seis voaduras diarias que precisarían entre 9 e 16 toneladas de explosivos. É difícil non ver risco de contaminación, por mínimo que fose, a unhas augas que dan emprego a milleiras de familias. Recentes informes da propia Xunta confirman o perigo ambiental e incluso dubidan da rendibilidade anunciada. Como aquela ateigada praza do Obradoiro, cómpre preguntarse: ¿Non estaremos a piques de regalar ouro por cobre? Pois teremos que collelo touro polos cornos.