Apoteose final cunha Jran Ópera Dorna menos roqueira e máis reivindicativa

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Tonhito de Poi e Toño Díaz levaron ao público a gritar «Ribeira é con b» e Javi Maneiro fixo un dúo con Guadi Galego

26 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Viña sorprendendo a singradura número 70 polas destacadas actuacións musicais e a Jran Ópera Dorna estaba chamada a ser a apoteose final. E así foi. Xa o dixo o mestre de cerimonias, Xurxo Souto, nada máis comezar, aludindo ao concerto como «a maior superprodución da música galega actual». Máis de 150 artistas pisaron o escenario situado no recheo portuario para ofrecer un variado repertorio con menos rock que as pasadas edicións, máis folk e un marcado ton reivindicativo.

Os dorneiros concentrados no lugar recibiron a visita dun feixe de artistas da zona, como Chamaquito Pistolas, Fran Regueira, Sonia Lebedynski, Rebe, Cristiniña ou Mariú. A danza e o folclore chegaron da man de Tahúme e ata a Coral Polifónica Municipal se sumou cun tema, Ría de Arousa, composto por Enrique Paisal, que mesmo se situou fronte ás teclas do piano para arroupar a Álex Millet na interpretación dun clásico, A Santiago voy. Os bailaríns do Tomasón completaron a escena.

Pero a gran V que previamente liderara o Top Secret para ser colocada despois a un lado do escenario facía presaxiar que a polémica toponímica ía estalar na Jran Ópera e chegou cun dúo formado por Tonhito de Poi e Antonio Díaz, que interpretaron un tema composto para a ocasión que levou ao público a corear «Ribeira é con b».

Tamén houbo reivindicación con ton feminino. Xurxo Souto pediu a hora para que o público gravara o momento. Eran as 2.20 cando as artistas participantes no macroconcerto, as da coral incluídas, entoaron Matriarcas, a canción coa que Guadi Galego lle rende homenaxe ás mulleres.

Recta final

Outro dos momentos estelares da noite chegou con Javi Maneiro, que a dúo coa propia Guadi Galego fixo vibrar ao público co mítico Corasón de carballo. Aos presentes facía tempo que se lles notaba que tiñan ansias de rock. Tentaron sacialas, xa na recta final da Jran Ópera, Tama cunha versión dos Heredeiros ou Loren cun tema composto sobre coñecidos acordes musicais de AC/DC, pero o certo é que souberon a pouco.

Pero chegou o Himno dorneiro, ao son da gaita de Pepe Romero, e houbo brincos, cánticos e pañoletas ao vento. Estaba claro que o final da singradura dorneira número 70 estaba a piques de chegar. Quedaba pendente o asalto ás fanequeiras que, para moitos, se prolongou ata o amencer.

Onte había xa quen estaba pensando na vindeira edición, a 71, e iso que aínda queda pendente a última parada da travesía, o baile de gala, que terá lugar o 10 de agosto. A espera é longa, pero seguro que volve merecer a pena.