A festa da literatura chega a Rianxo con doce postos e oito presentacións

La Voz

BARBANZA

cedida

Xesús Redondo Abuín, Helana Villar Janeiro, Ricardo Losada, Maite Mosconi, Xosé Duncán, Xesús Rábade, Amanda Seibiel e Manuel Marigaia darán a coñecer as súas novas obras

18 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde mañá ata o domingo • Praza Castelao (Rianxo) • De 12.00 a 14.00 e entre as 18.30 e as 22.30 horas • Hai unhas semanas celebrouse en Ribeira e mañá, a Feira do Libro desembarcará en Rianxo. Unha ducia de librarías -entre as que se atopan as barbancesas Ler, Cándido, Arigató, A de Rosa e Ben- instalarán os seus postos na praza Castelao. Ao redor deste epicentro desenvolverase un amplo programa de actividades lúdicas e culturais, entre as que se atopan oito presentacións literarias.

Aproveitarán para dar a coñecer os seus últimos traballos Xesús Redondo (autor de Alentos e desalentos dun de tantos), Helena Villar Janeiro (Amor por catro), Xesús Rábade Paredes (Memoria do corpo), José Ricardo Losada (Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego), Maite Mosconi (Gaedheal), Xosé Duncan (As lembranzas perdidas no lago Antelväri), Manuel Marigaia (Galeguia) e Amanda Seibiel (Solo quiero morir a tu lado).

O mago Antón tamén desembarcará en Rianxo con motivo da Feira do Libro. Ofrecerá cinco pases cada xornada, entre as 13.30 e as 21.00 horas.

Arranque con Callón

O escritor ribeirense Carlos Callón será mañá o encargado de darlle a saída a esta nova cita literaria. Intervirá ás 12.30 horas.

Os nenos terán o seu oco na feira. Especialmente para eles foron programadas actividades como a obra Cardume, coa compañía Xaropoetulú (venres, 12.00 horas), un obradoiro de ilustración con Sara Cruz (sábado, 19.00) ou o concerto de Magín e a Banda das Apertas (sábado, 21.00 horas).

A esta cita musical engadiránselle outras: un festival internacional de danza (venres, 22.30), o concerto do grupo folk Son de Seu (sábado, 22.30) ou a actuación co Coro Saint Luc de Banabakintú (domingo, 13.00).