Froilán Pérez: «Taragoña é un dos circuítos galegos máis duros, pero encántalle aos pilotos»

A vixésima edición do Campionato Galego de Autocrós quece motores para a súa parada en Rianxo deste sábado


O vindeiro sábado, o circuíto rianxeiro de Taragoña acollerá a vixésima edición do Autocrós O Castro, que puntúa para o campionato galego. Froilán Pérez Saborido, vicepresidente da Escudería Rallyactividad, está ao cargo da organización dunha das paradas máis esperadas dentro do torneo autonómico, cunha pista na que a velocidade media sitúase nos 90 quilómetros por hora, pero que nalgúns tramos pode chegar a alcanzar os 150.

-¿Cales serán os índices de participación desta edición?

-Contamos coa asistencia de máis dun milleiro de persoas, co beneficio económico que supón para a vila, así como dunha decena de escudarías que presentarán varios representantes cada unha. Adoitan a participar entre 50 e 60 pilotos, entres as distintas probas e modalidades. Haberá catro categorías: menos de 1.600 centímetros cúbicos (cc), coches de serie; máis de 1.600 cc, sen límite de potencia e de preparación; kartcrós, vehículos de 600 cc que levan motores de moto; e o apartado de catro por catro.

-¿Que características cre que definen ao circuíto de Rianxo?

-Taragoña é un dos circuítos galegos máis duros, pero encántalle aos pilotos. É esixente para os coches e require maior habilidade de condución, xa que conta con distintos niveis, con subidas e pendentes que o fan distinto. Levamos traballando todo o ano, coma sempre, pero xa temos a pista completamente preparada. Queremos agradecer a implicación do Concello de Rianxo, que nos axudou a melloralo firme do trazado. Joaquín Chamarro Amil segue a ser o piloto que a correu máis rápido, en kartcrós, cun tempo de 00.40.57.

-¿Cales serán as escudarías favoritas este sábado?

-Sen dúbida, Desguaces Tino e a carballesa + Motor son as que sempre presentan a maior cantidade de vehículos.

-¿Podería falarnos dos pilotos de Rallyactividad e dos locais?

-Javier Senín Vello, de Valga, competirá por Rallyactividad na categoría de kartcrós, mentres que Marcos Molinos Regueira, de Esteiro, farao na modalidade de máis de 1.600 cc. Por outra banda, unha grande colaboradora nosa, que leva máis dunha década axudando como comisaria, participará en menos de 1.600 cc con Desguaces Tino. Este ano a boirense Bárbara Gómez Oubel compite en tres campionatos galegos, o de autocrós e os de rali e rali mix como copilota.

-¿Como teñen programada a xornada do próximo sábado?

-Ás nove da mañá comezarán as verificacións administrativas e logo as técnicas, para que ás 12.00 horas arranquen os adestramentos. Ás 15.30 serán as semifinais, e a partir das 17.45 as finais.

-¿Cal é a situación da súa escudaría e do autocrós na comarca?

-Rallyactividad naceu no 2005 e o día da carreira reunímonos un grupo de 50 persoas. A parte disto organizamos outras actividades como o Slalom, cuxa cuarta edición terá lugar o 17 de agosto no parque empresarial do Té. Tamén colaboramos noutras probas, como a subida a Pontevedra. Este deporte, do que saíron a maioría dos pilotos de asfalto, ten moito futuro en Barbanza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Froilán Pérez: «Taragoña é un dos circuítos galegos máis duros, pero encántalle aos pilotos»