Unha frautista con alma folclórica

Ademais de tocar con Sés e coa banda de Rianxo, integra as agrupacións deBiselas e Pentravesía

m.x.b.
ribeira / la voz

En ocasións, os momentos máis transcendentais da vida pasan ante os nosos ollos sen que nos decatemos. Non é ata uns anos despois, volvendo a vista atrás, cando reparamos neses sucesos infantís que marcaron o noso destino. Un día de festa vendo pasar unha comitiva de gravatas e instrumentos ou unha mestra tocando a frauta traveseira na aula. A historia de Sabela Galbán Rodríguez (Rianxo, 1990) podería comezar en calquera destes dous momentos vitais, ou incluso moito antes, cando a súa nai lle cantaba os arrolos no berce. Pero o certo é que ningún destes acontecementos explica por si mesmo a determinación coa que Sabela decidiu dedicar a súa vida á música.

Hoxe, a rianxeira é unha reputada frautista que tocou en decenas de escenarios, participando en proxectos e formacións moi variados, que van dende a Orquesta Sinfónica 430 de Vigo á colaboración con artistas do talle de Pepe Sendón ou, por suposto, Sés. Precisamente, a música leva uns meses inmersa na xira do novo disco da cantautora coruñesa, Readmirando a condición, como unha das integrantes da súa banda. Actualmente, Sabela Galbán integra ademais dúas agrupacións clásicas, o cuarteto deBiselas e o quinteto Pentravesía, ao tempo que forma parte da Banda da Escola de Música de Rianxo. Pero antes de envolverse en todos estes proxectos, esta rianxeira tivo que recorrer un camiño cheo de esforzo e algunha que outra foliada.

Do piano á gaita

O primeiro contacto desta frautista co instrumento foi na escola infantil. «Tiña unha mestra que sabía tocar a frauta traveseira. Moitas veces viña con ela á aula e tocábanos», conta Sabela. Tanto lle marcou este feito que cando chegou á escola de núsica da vila, anos máis tarde, ninguén foi quen de convencela para adxudicarse outro instrumento. Antes xa probara co piano. «Para min era un instrumento moi solitario. Sempre tiña que tocar e estudar soa. Por iso, cando vin por primeira vez a banda, dixen: ‘Eu quero tocar aí’», relata a rianxeira.

Deixando a un lado o piano, Sabela Galbán agarrou con forza a frauta traveseira e con 12 anos comezou a súa formación musical na escola de música da vila e na súa banda. Ata que se atopou co mundo da música galega. «Vai de Roda, a agrupación tradicional de Rianxo, pediulle colaboración a tres músicos da banda para montar un repertorio ambientado no século XX. Fomos un saxo, un clarinete e eu coa miña frauta. Unha vez que entrei alí, xa non saín», conta Sabela. Houbo un profesor, Emilio Lois, que marcou a diferenza. El prendeu o seu interese pola música folclórica e convenceuna para que aprendese a tocar o acordeón. Logo, ela convenceu ó mestre para que lle ensinara a tocar a gaita. «Eu creo que os músicos cando empezamos con unha cousa, parece que todo nos tira. A min encántame remexer en todos os instrumentos. É unha diversión coma calquera outra», conta a frautista. Aí comezaron as foliadas e os pasacalles, e con eles as mellores anécdotas da súa carreira: «Estaba tocando co grupo Carapaus polas rúas de Lugo durante o San Froilán. Vimos que había unha zapatería aberta e entramos a tocar». Agora xa non forma parte de Carapaus, pero recoñece que garda os mellores recordos dos seus concertos.

A docencia

Ao rematar os seus estudos nos conservatorios de Noia e Santiago, Sabela cambiou os aires da ría de Arousa polos do mar da Coruña para continuar formándose como frautista profesional. Isto permitiulle abrir unha nova fronte profesional: a docencia. Actualmente, imparte clases no conservatorio de Ribeira e tamén na escola de Rianxo, onde ela mesma deu os seus primeiros pasos. «Eu creo que os músicos gozamos máis de tocar en directo, pero a parte docente tamén é moi especial. Compartir o tempo con pequenos futuros artistas tamén é algo moi importante para min», explica Sabela.

A frautista rianxeira espera poder seguir compaxinando no futuro as vertentes artística e educativa da súa profesión e non se pon ningunha meta máis alá de seguir traballando e gozando da música: «A esa típica pregunta de que onde me gustaría tocar nunca sei que responder. Eu quero tocar onde a xente estea disposta a escoitar».

Os mestres: Sabela recoñece que tanto Rafael Collazo, director da Escola de Música de Rianxo, e Emilio Lois, da agrupación tradicional Vai de Roda, foron dúas persoas fundamentais na súa formación.

Música polivalente: Ademais da frauta traveseira, sabe tocar outros instrumentos propios da música tradicional galega, coma a gaita ou a pandeireta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Unha frautista con alma folclórica