«Estes xacementos van servir de base para localizar outros similares»

Os tres anos de traballo no monte de Barbanza depararon moitas sorpresas ao equipo capitaneado por este experto


Ribeira / La Voz

Dende hai un tempo, Carlos Rodríguez Rellán e o equipo que o acompaña forman parte da paisaxe da serra do Barbanza. Despois de tres anos de intenso traballo escudriñando no subsolo do macizo barbancés, están a piques de rematar o traballo de campo. Antes diso, o arqueólogo que se encargou da dirección das escavacións explica os obxectivos cos que desembarcou na comarca o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste e conta con entusiasmo como as hipóteses de partida se viron ratificadas.

-Agora que o proxecto chega á súa fin, toca facer balance comezando polo principio, ¿como naceu este traballo?

-Existía o mito de que a serra de Barbanza, como case todas as zonas altas, foron sempre espazos pouco poboados. A imaxe que se tiña era a proxección cara o pasado do que ocorre hoxe en día, que son lugares deshabitados. Se a isto unimos o feito de que as únicas estruturas visibles eran túmulos, conclúese que eran espazos despoboados dedicados ao enterramento. Pero comezaron a aparecer unha serie de estruturas, que non se sabía moi ben o que eran, críase que eran para uso gandeiro e relativamente recentes. Podían ter escasa importancia, pero cando xorden medio cento atopas un fenómeno que indica que ese baleiro poboacional na serra é un constructo, as zonas altas estiveron ocupadas historicamente, e iso é o que pretendiamos demostrar.

-Á vista dos resultados obtidos parece que se cumpriron os obxectivos de partida.

-Os obxectivos están cubertos porque as hipóteses das que partiamos están máis que probadas, pero queda o 90 % do traballo. Estes tres anos do proxecto eran para recompilar datos que logo se van tratar e analizar dun xeito moi lento ao longo de varios anos. Hai que ter en conta que aínda estamos publicando os resultados definitivos de escavacións que se realizaron no 2003. Recuperamos unha gran cantidade de material e agora hai que estudalo, hai que intentar pegar as pezas de cerámica, analizar as frechas que atopamos para tratar de saber de onde veñen, que materiais se utilizaban, se os poboadores da serra estaban en contacto con outros pobos...

-¿Que foi o máis complexo do traballo desenvolvido na serra?

-O máis difícil foi levar a cabo unha intervención nuns restos que non coñeces, que non sabes o que podes atopar. En Río Barbanza fomos totalmente a cegas nas escavacións. Pouco a pouco fomos gañando experiencia, puidemos ir vendo cousas e aprendendo dos erros. Tivemos que partir da nada, e agora estes xacementos van servir de base para localizar outros similares que os arqueólogos non eramos capaces de detectar, porque non os coñecíamos. É difícil ver algo que non coñeces. Os achados que fixemos certifican que a serra de Barbanza estivo ocupada ao longo da historia intensamente e extensamente, e os seus poboadores deixaron pegadas nelas. Probablemente ocorra o mesmo noutras serras e a nosa esperanza é que o cúmulo de datos que recadamos sirva a outros arqueólogos para identificar este fenómeno e este tipo de estruturas noutros sitios.

-Pode dicirse que neste proxecto foron de sorpresa en sorpresa.

-Interveuse en Río Barbanza, Porto Traveso e Folgoso Vello porque se vía sobre o terreo unha acumulación importante de pedras e grandes estruturas circulares que tiñan que pertencer a algo, e cando comezamos a escavar vimos que daban unhas cronoloxías máis antigas do que pensabamos. Por exemplo, Folgoso Vello críamos que era medieval, a sorpresa foi cando se datou a estrutura no século III a. C. Temos datacións dos séculos IX e XI, do cambio de era, ao atopar unha ara dedicada a unha divindade de entre os séculos I a. C. e II d. C. E tamén temos unha ocupación anterior, do século IX a. C.

«Houbo tentativas fallidas de regularizar as visitas á serra»

Outra das patas da proposta de intervención na serra barbancesa é a creación dunha aplicación para localizar os xacementos dispersos polo macizo.

-¿Como xurdiu a proposta de crear unha aplicación co patrimonio da serra?

-Considerabamos importante poñer un gran de area para que o proxecto revertera na sociedade e vimos que houbo tentativas fallidas de regularizar as visitas e atraer xente aos xacementos mediante a instalación de cartelería. Pensamos nunha maneira de facer posible que a xente fora autónoma á hora de percorrer a serra e aportar unha ferramenta para reconducir o seu interese cara o patrimonio arqueolóxico. Así xurdiu a aplicación.

Seguir leyendo

«Outro dos obxectivos é formar aos arqueólogos do futuro»

Moimenta é o último elo do proxecto, onde se están a realizar as derradeiras intervencións en Coto do Espiño, no marco desta investigación, e é un espazo que tamén aportou sorpresas.

-¿Que deron de si os traballos en Moimenta?

-O número máximo de frechas que poden aparecer nun xacemento coma Chan do Cerqueiro son catro ou cinco, aquí atopamos máis de cen. Aporta unha riqueza de cultura material moi importante. En canto a Coto do Espiño, parecían uns vestixios de gran importancia, que se veu incrementada cando tivemos as datacións e vimos que era do século III a. C. O máis importante foi cando se datou a muralla, que sabemos que foi destruída no século X a. C., co cal temos a certeza de que é máis antiga.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Estes xacementos van servir de base para localizar outros similares»