Xesús Redondo: As memorias dun entre tantos

Laura Martínez / m.x.b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

O rianxeiro recolle nun libro as súas vivencias como exiliado e preso político

14 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Á beira dos 80 anos xa se teñen un feixe de historias que contar, pero a vida de Xesús Redondo Abuín deu para escribir un libro. A súa biografía comeza en 1939 na aldea de Asados, en Rianxo, e decorre no activismo antifranquista. Nas páxinas de Alentos e desalentos dun de tantos, o rianxeiro fai memoria e relata unha vida marcada polo compromiso político, que o levou ao exilio e o converteu en varias ocasións en preso político.

O obxectivo principal da súa obra é claro: «Trátase de non volver ás andadas, a unha época onde participar nunha simple reunión podía supoñer pasar uns cantos anos no cárcere. Foi o que me pasou a min e a moitos dos meus camaradas», explica Redondo. O autor é dos que cren firmemente na historia como semente da cultura.

Pero Redondo Abuín foi moitas cousas antes que exiliado. O primeiro que lle tocou foi ser pobre. E como calquera contemporáneo de orixe humilde, sen tempo para ir á escola, este rianxeiro tivo que gañarse a vida nos empregos máis dispares: como vendedor de peixe, coidando o gando ou de zapateiro, ata que a necesidade o fixo emigrar a Asturias con só 17 anos.

Foi alí, traballando como mineiro na explotación de La Camocha, onde comezou a súa militancia política da man do Partido Comunista. «Organizamos unha folga polas malas condicións laborais e eu fun o encargado de repartir os panfletos. Esa foi a primeira vez que me detiveron. Entregueille, sen saber, un papel a un policía», conta Redondo. Tamén foi a vez que menos lle custou que o liberasen. «Aínda non aprendera a ler nin a escribir, así que dixen que estaba a repartir un anuncio dunha espicha de sidra, e créronme», relata o rianxeiro.

Cos anos viñeron máis paros nas minas. Nun tempo no que o dereito a folga non só estaba prohibido, senón que era moi castigado, a situación de Xesús Redondo virou cada vez máis complicada. Primeiro pasou á clandestinidade, para logo acabar exiliado en Francia, na Unión Soviética, onde a presenza de comunistas españois estaba normalizada, e finalmente en Bélxica. Na cidade de Liexa volveu a traballar como mineiro, ata que en 1967 retornou a España.

Vítima dun disparo

En plena ditadura, a historia deste rianxeiro escribiu un dos seus capítulos máis difíciles. A intervención policial nunha manifestación obreira en Canarias rematou con Xesús Redondo no hospital, cunha bala incrustada entre o fémur e o femoral.

Este incidente tamén lle supuxo unha condena de 11 anos de prisión. Nese tempo, coñeceu España a través dos seus cárceres. Cádiz, Xaén, Carabanchel, Calatayud, Soria, Segovia e Pontevedra foron algúns dos seus destinos durante os máis de 8 anos que durou o encerro.

10 de decembro de 1975. É o día que quedará gravado para sempre na súa memoria. O indulto do rei aos presos da etapa franquista puxo fin ás longas noites de pedra de Xesús Redondo, pero mantivo intacto o seu carácter, as súas conviccións ideolóxicas e, sobre todo, o seu activismo.

Máis de 40 anos despois e instalado de novo na súa vila natal, Xesús Redondo segue compaxinando a súa vida de xubilado co posto de secretario do Foro pola Memoria Histórica na comunidade galega. «A miña actividade política foi minguando coa idade, pero creo que aínda é necesario recordar a todos os que desapareceron e enterralos dignamente», así como «loitar para que se depuren todas responsabilidades».