David Fernández: «O piloto Iván Ares participará na proba de velocidade do Gran Prix de Carrilanas de Esteiro»

J. M. Sande MUROS / LA VOZ

BARBANZA

sande

Asegura que o seu propósito é que tódolos sectores comerciais se beneficien da carreira

13 jul 2018 . Actualizado a las 10:51 h.

Hai xa dez anos que David Fernández Lado asumiu a responsabilidade de tomar o relevo na organización do Gran Prix de Carrilanas. Unha tempada chea de dificultades e atrancos, pero tamén de grandes satisfaccións que eclipsaron aqueles difíciles momentos e propiciaron que un grupo de mozos de Esteiro foran quen de recuperar o prestixio da festa e de ilusionar á xente.

-¿En que difire esta celebración coa que fixo no 2008?

-Na actualidade estamos ante un proxecto diferente ao que deu lugar o Gran Prix de Carrilanas. A festa mantén a esencia, que non debe esquecerse, como é potenciar o xoguete xuvenil por excelencia que nesta bisbarra foron as carrilanas. Os nosos bólidos volverán ser, este fin de semana, os protagonistas dunha festa na que se convida a veciños e foráneos a gozar en familia, e de balde, dun conxunto de actividades nun lugar idílico e rodeados das maiores medidas de seguridade.

-¿Con que medios contan para garantir a seguridade?

-Dende fai tempo extremamos as medidas para garantir a seguridade, non só no desenrolo da proba deportiva, senón tamén en tódalas actividades que teñen lugar estes días en Esteiro. A garantía de que tódalas posibles incidencias están cubertas non só é un seguro para a organización, senón que tamén é un reclamo para quen vén ao pobo.

-¿Que destacaría como máis novo no cartel deste ano?

-Hai xa un tempo que nos propuxemos ofertar unha serie de actos que serviran de interese e reclamo para a poboación. Dese xeito, a festa non só sería unha carreira de troncomóbiles de madeira pola estrada do Maio, senón que tamén tódolos asistentes a proba poderían gozar cunha chea de actividades festivas, lúdicas, deportivas, culturais, comerciais e gastronómicas, ademais do disfrute que implican as condicións naturais que oferta a nosa parroquia aos visitantes. Así, a maiores da exposición de carrilanas, apareceu o festival musical do sábado, e nesta ocasión engádense unha festa infantil, un mercado de artesanía e a degustación de mexillón da ría.

-¿En que consiste a festa infantil da que fala?

-É un espazo infantil co que pretendemos fomentar a ilusión dos cativos por este xoguete. Na Alameda celebrarase, xa mañá, unha actividade de animación infantil con monitores, na que nun ambiente festivo e musical, coa participación de Cé Orquestra Pantasma, buscarase agradar aos máis pequenos.

-¿Como se presenta a edición deste ano no que respecta á participación?

-Aínda sen iniciarse a inscrición, pensamos que haberá unha gran participación, como se aprecia pola demanda de información e na petición de carrilanas para realizar a carreira. O piloto Iván Ares participará na proba de velocidade do Gran Prix e tamén contaremos coa presenza de bólidos das comarcas de Ferrol e da Coruña, así como de Asturias, Portugal, da zona de Vigo, do Barbanza e, por suposto, dunha boa representación do noso municipio. Coido que superaremos o número de inscritos dos anos precedentes, que xa teñen chegado aos 70.

-¿Cal é a síntese da programación da festa das carrilanas deste ano?

-Hoxe comezan os adestramentos libres e abrirase o mercado de artesanía. Mañá haberá exposición de carrilanas, animación infantil, a disputa da Pole Position a partires das 19.00 horas e o inicio do festival musical, ás 22.00 horas, coa intervención de Heredeiros da Crus, Ruxe-Ruxe, Brinkadelia-Troupe e Maestro. O domingo seguirán as actividades infantís e comerciais, actuará o grupo De Vacas e, a partir das sete, principiará a disputa do Gran Prix por quendas.

-¿Que ambicións ten a directiva de dirixe de cara a celebración da festa do Gran Prix?

-Queremos perpetuar a tradición das carrilanas nesta vila, promocionar todo o que de bo ten esta comarca, gustaríanos que tódolos sectores comerciais se beneficiaran desta festa.