O legado inmortal de Borobó

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

VITOR MEJUTO

Os fillos do ilustre xornalista, que foi director de «La noche», sinalaron a existencia da gran cantidade de material inédito deste

10 jul 2018 . Actualizado a las 11:29 h.

Hai figuras das que un pobo maila súa historia non poden permitir que se dean a esquecemento baixo ningún concepto. Galicia e o seu xornalismo comparten unha destas grandes débedas, concretamente co intelectual que apuntalou a cultura coas columnas que encabezaba o pseudónimo Borobó. Hoxe cúmprense 102 anos do nacemento de Raimundo García Domínguez (1916-2003), director do diario vespertino La noche.

O certo é que a obra deste autor nado en Pontecesures, pero que dirixiu os últimos compases da súa vida na aldea boirense de Trevonzos, é un referente inesgotable no que os investigadores continúan mergullándose e do que os seus fillos, Raimundo e Paola García, sinalaron a existencia de gran cantidade de material inédito.

Defensor da cultura

O último número da revista Galegos -o 24- dedícalle 20 páxinas ao prolífico creador, entre as que se atopan artigos de profesionais como Xesús Alonso Montero e de antigos compañeiros como Perfecto Conde, co que compartiu tinta na revista Chan. Unha destas pezas pertence ao seu fillo Raimundo García, e recupera unha chamada telefónica que recibira de seu pai cando tiña cerca de 10 anos. Chamáballe dende a redacción, nunha década dos sesenta nos que unha exclusiva se mantiña como tal ata que a cuspía a rotativa: «Acaban de matar ao presidente estadounidense John Fitzgerald Kennedy».

«Un dos factores que máis se destaca de meu pai é o seu papel como artellador da xeración de La noche, aquel grupo de intelectuais que se aglutinaron en torno ao diario vespertino», explicou Raimundo de seu pai, para sinalar que, hai preto dun mes, publicouse un artigo de investigación que expoñía o crucial traballo de Borobó como descubridor de grandes valores da literatura francesa e de figuras renovadoras como a do dramaturgo Antonin Arteau. Todo isto nos 40, en plena posguerra española, cando o intercambio cultural, a pesar de ser un país veciño, era máis que limitado. Era unha odisea.

«Hai obras sen publicar que son realmente valiosas, como a biografía de Camilo Bargiela que incorpora material do propio autor e que conta cun prólogo de Miguel de Unamuno, ambos inéditos», explicou o fillo, quen reivindica a dixitalización completa dos últimos números de La noche pola riqueza dos distintos persoeiros que escribiron nel no período no que seu pai foi director.

Sobre o tesouro que conforman as centos de páxinas nas que se atopan obras de teatro e poemas do autor dos Anacos -os pequenos artigos de opinión que iniciara no vespertino compostelán-, tamén a iso se referiu a súa filla Paola García: «A diversidade de temas é enorme, hai ensaios sobre historia, economía ou figuras da literatura, escribía como unha necesidade».

Un home irrepetible

Paola ten moi claros cales son os valores que deberían entroncar coas novas xeracións de xornalistas: «Sempre foi fiel aos seus pensamentos e ética, fíxoo a contracorrente do seu entorno e nunca dubidou en botarlle unha man á xente moza que o precisaba. En canto ao traballo xornalístico, posuía unha mirada crítica e unha posición tolerante».

Hai unha anécdota que define a mestura de talento e profesionalidade que definen a Borobó. Acostumaba a escribir moitos dos seus Anacos -que continuaron publicándose en La Voz de Galicia baixo ese título e, máis tarde, baixo de Anacos novos- co son das primeiras páxinas do diario imprimíndose de fondo. Facíao coa súa estilográfica e sobre o papel de xornal que minutos máis tarde estaría camiño dos quioscos. Mais xa non quedan xoieiros tan rápidos.

Fragmentos de «Anacos» publicados en La Voz de Galicia 

Congreso de sucursalistas

«Tiven o lecer de asistir ao I Congreso Comarcal do Partido Socialista do Barbanza, afatado en Noia. Aquil local do Instituto Social da Mariña estaba enteiramente cheo de sucursalistas: labregos de Mazaricos e Serra de Outes, mariñeiros de Muros, Ribeira e Rianxo, maestros de Padrón e Poboa do Caramiñal, bateeiros de Escarabote, carpinteiros de Porto do Son... Cada un dos cabezas das delegacións fixo uso da palabra expoñendo os problemas e as arelanzas dos seus respectivos municipios. Todos iles nun galego sinxelo e belido, como o que falaban Rosalía e Castelao, que tamén eran dista comarca. Coma o que fan na sua propia casa, cas suas mulleres e seus fillos.

Eu non sei como se arrichan a falar en galego istos paisáns sendo tan sucursalistas, porque a nosa fala, con normativa ou sin ela, igoal que todas as demáis señas da identidade galega, semella que vai sendo un monopolio, unha exclusiva do pintoresco terrorismo verbal, máis que ideolóxico, que tenciona abraiarnos. Alí tiñamos moi ergueito ao máis vello sucursalista, cos seus oitenta e pico de anos que lle permitiron pasar algúns diles na cadea...». (26 de xullo de 1988)

Non hai máis alá

«[...] Logo de beber unha taza do país, extendéuse máis nos motivos que seu fillo tivo pra ir a percurar moza dende Extramundi a Corrubedo:

-Xa sabe vostede que temos un par de bateas de mexillóns. Dan cartos, mais hai que traballar moito nilas. O pio é cando hase de ir a coller a cría nas penas e nos cons de Sálvora ou de Corrubedo. Unha vez meu fillo estaba nisa faena, cando unha ola moi forte arrebatóu a certa rapaza que viña mariscando percebes alí preto. ¡Probiña -oeu Manolo berrar a outra muller.-, salvádea que non sabe nadare!

-¿E que pasou?

-Pois meu fillo, que é un valente, botouse ao mar, sen reparar nas olas que daban medo, e achegouse á moza; arrempuxouna e así ela poido engarrarse a unha pedras, ¡e salvouse!

-Foi así como se namorou, ¿non si? de Manolo...

-Boéno, il andaba buscando de cote rapaza moi lonxe de cote Extramundi e aproveitou o ensexo. Xa tivera noiva en Esteiro, e no Grove, e hastra en Corcubión. Manolo sempre foi moi teimoso, e que non lle gustaba que os da aldea o viran coa súa moza. Por iso váise a casare en Corrubedo, porque non hai máis alá...». (21 de maio de 1982)