José Barrio: O deportista que lle gañou a partida ao destino

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O noiés labrouse unha alta reputación, tras conquistar distintos títulos nacionais en tenis de mesa e natación

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a vida tan só fose un deporte, hai certos casos nos que un pode dar por perdida a partida. Mais existe un tipo de persoa incapaz de resignarse que acepta calquera desafío por grande que sexa e remata por ganarlle o desquite ao destino. Sen dúbida algunha, José Barrio Guldrís (Noia, 1960), máis coñecido como Pepe Barrio, pertence a esta clase de heroes.

Tras estudar no IES Virxe do Mar, aos 16 anos o noiés comezou a traballar de mecánico no taller de seu pai e alí foi onde descubriu unha das súas paixóns, o motociclismo. Por aquel entón, Pepe Barrio tamén era un namorado do deporte. Adestraba no ximnasio e comezaba a despuntar no full contact, pero todo iso cambiou do día para a mañá. Con 25 anos, sufriu un accidente de moto que o deixaría en cadeira de rodas para o resto da súa vida.

Mais iso non impediu que se convertese no laureado deportista que é hoxe en día, tras acadar diversos títulos nacionais en natación e tenis de mesa adaptados, nin que chegase a ser o querido presidente da asociación Adeco-Dea, un cargo que ocupa dende hai máis dun cuarto de século.

A senda da superación

Despois do accidente, Pepe Barrio pasou dez meses en Toledo, no Hospital Nacional de Parapléxicos. Neste centro foi onde se familiarizou co tenis de mesa, pero tamén co baloncesto. Despois de formarse como técnico de radiotelevisión en Madrid, na Fundación Mapfre, regresou a Galicia e aquí coñeceu á extinta asociación sonense Virxe do Loreto, que organizaba actividades para persoas con mobilidade reducida. Nun partido de básket entre o Basketmi ferrolán e o Anfib olívico coñeceu a dúas persoas esenciais para o seu futuro, a presidenta do colectivo, María Dolores Boo, e o nadador Pablo Cimadevila.

Este último foi quen animou a Barrio a competir na piscina, despois de saber que comezara a nadar. «Cando me tomaron as marcas, Pablo díxome ‘o estoy muy equivocado o estás en tiempos de un bronce o una plata en el campeonato de España’», lembrou Barrio dunha suposición que non ía nada desencamiñada. Corría o 1993, e no nacional de natación que se celebraba en Ciudad Real, estreándose nunha competición, sen adestrador e cunha preparación absolutamente autodidacta, o noiés proclamábase subcampión de España na modalidade de 50 metros braza.

Ata aquel momento, o presidente de Adeco-Dea só gañara algúns combates sobre a lona e un trial de motociclismo. «Foi unha sorpresa total, comecei a tentar adestrar en serio e coñecín a Juan Carlos Brión», explicou Pepe Barrio, para sinalar que a axuda que lle emprestou o director deportivo do Club Natación Ribeira foi un piar esencial. «Os seus consellos servíronme de moito, polo menos para botar unha década entre os tres primeiros nadadores a nivel nacional», anotou agradecido.

A verdadeira vitoria

Mais este deportista non foi grande só na auga, aínda é un xigante ante o taboleiro e a rede. Foi no Liceo de Noia -onde actualmente é adestrador da escola deportiva, igual que na Pobra- onde comezou a practicalo a nivel competitivo, primeiro en torneos autonómicos e logo en nacionais, ata gañar o bronce na Copa do Rei e outros dous en campionatos de España. Entre as diversas honras que conta ao longo da súa vida, Barrio sempre pon o foco no 2007 e no convite a participar co combinado galego nos Xogos Náuticos Intercélticos e do Espazo Atlántico, na Bretaña francesa. Era a primeira vez que se abría a deportistas adaptados.

En realidade, a maior vitoria que conseguiu o noiés non se pode medir cun libro de regras de xogo nin gardar nunha vitrina. Paralelamente á súa carreira deportiva, Pepe Barrio leva máis de 25 anos traballando, organizando xornadas e competicións de vela adaptada e de tenis de mesa en concellos como Noia, Porto do Son, Outes ou Lousame. Ademais, dende a asociación imparten charlas en centros educativos: «Para avanzar na inclusión e para dar visibilidade ao deporte adaptado é importante traballar co futuro, cos rapaces que están nas aulas».

Esta pode ser unha loita difícil, pero hai que lembrar que a encabeza a mesma persoa que nunca se rendeu cando se trataba de competir contra o seu propio destino e gañarlle a partida.