Antón Castro: «Levamos tres anos de mandato e só un orzamento»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O edil da marea local rianxeira destacou o gran número de mocións do seu grupo que foron aprobadas

05 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O voceiro de Rianxo en Común, Antón Castro, analizou os grandes asuntos que marcaron a política local neste mandato, así como as propostas do seu grupo que foron aprobadas, e adiantou que non repetirá como candidato nos vindeiros comicios. Todo elo na sección Cita co Concello de Radio Voz Barbanza.

-Teñen condicionado o seu apoio ao BNG a que se aproben uns orzamentos, ¿manteranse nesta posición?

-Está de plena actualidade. Acaban de entregarnos o documento base e estamos na fase de análise. Temos que dar un pequeno tirón de orellas ao goberno: levamos tres anos de mandato e só un orzamento aprobado, o do 2016, a destempo e no mes de xullo. O de agora está moito mellor e a presentación é moito máis manexable. Mais, repito, de momento non podemos valoralo.

-Se por algo destaca a marea local é pola implicación na presentación de mocións, ¿están satisfeitos co seu cumprimento?

-Todas as mocións de Rianxo en Común, excepto unha, foron aprobadas nestes tres anos e debemos de levar unhas 50. Podería afirmar que moitas non se cumpriron, pero sempre me gustou dicir unha cousa: a política é picar pedra e desta algo quedará. Pode que, desculpen a redundancia, o poste de recarga público de vehículos eléctricos non estea posto, pero a moción aprobouse e esta vontade permanecerá. As nosas propostas son diversas, pero todas están relacionadas coa loita contra o cambio climático e co cambio de modelo enerxético e económico. Nós cremos que teríamos que estar remando a favor desta muda e apoiar ás empresas que estean prestando servizos nesta dirección.

-¿Como valoran o gran proxecto de saneamento na vila?

-Non cabe dúbida que en positivo. Esperamos, iso si, que o tanque de tormentas non de problemas de olores, porque agora quedará inda máis preto da vila. O que non entendemos é este investimento de 14 millóns para sanear a ría e ter dúbidas do perigo que hai 30 quilómetros máis arriba, o proxecto en Touro.

-¿Lograrase a remunicipalización do servizo de auga este ano?

-Non perdemos a esperanza de que ese camiño se siga, porque as contas eran viables, pero somos conscientes de que non se fará neste mandato. Para nós é un asunto fundamental que levamos no programa e que cremos que tamén se pode estender a outros ámbitos como a recollida do lixo ou o mantemento do servizo eléctrico.

-¿Presentarase ás vindeiras eleccións se a asemblea de Rianxo en Común así o acorda?

-Non. Esta pregunta xa a respondín hai catro anos na campaña. Os candidatos sempre teñen unha desculpa, «pídemo o partido, pídenme os compañeiros...», eu considérome unha persoa de palabra.