Patricia Mallo: «Gústame recrear un mundo atolado co que facer rir aos meus lectores»

Conta en «Os Fantom» a historia dunhas pantasmas atrapadas no universo dos vivos


ribeira / la voz

A asociación Barbantia daba a coñecer hai uns días a identidade do gañador da primeira edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, un certame que contou coa participación de 39 obras. Os Fantom, un relato da viguesa Patricia Mallo, conseguiu conquistar ao xurado, polo que a súa autora percibirá 1.500 euros, ao tempo que verá a historia publicada na colección Árbore de Galaxia. Será o segundo traballo desta nova escritora que verá a luz.

-¿Que hai detrás dese título Os Fantom?

-Os Fantom son unha familia de pantasmas que viven no máis alá e chegan ao mundo dos vivos de visita, pero quedan atrapados e son incapaces de regresar. A partir de entón, xorden unha serie de historias derivadas do choque que supón ese cambio de vida inesperado.

-¿É a temática fantástica a súa preferida?

-Polo de agora estoume decantando por humor e aventura mesturados cun pouco de misterio. Gústame recrear un mundo atolado co que facer rir aos meus lectores. Xa recorrín a este temas na miña primeira novela, Os Cabezombis na Mansión Espello, uns zombis tolos que vivían nunha mansión abandonada e que pasaban o día facendo trasnadas.

-¿Como tivo lugar o seu primeiro contacto coa literatura?

-A min sempre me gustou escribir e estudei Comunicación Audiovisual. Realicei as prácticas nun xornal, pero rematei traballando nunha axencia de publicidade, polo que seguín escribindo a nivel afeccionado. A primeira novela colleu forma nunha etapa que pasei no estranxeiro e o certame Carlos Mosteiro animoume a lanzar a segunda.

-¿Escribiu entón a historia para este concurso?

-Cando souben da convocatoria deste premio xa tiña a medias a novela e, como era en galego, vin unha boa oportunidade para sacala á luz, así que lle dei o empurrón definitivo.

-¿Sempre escribe en galego?

-Pois polo de agora si, pois é o idioma no que me sinto máis cómoda. Aínda que por motivos de traballo estou vivindo en Madrid, o meu obxectivo é abrirme camiño na miña terra.

-¿A que se debe a súa aposta pola literatura infantil?

-É un xénero que me gusta e, aínda que non descarto no futuro lanzarme á literatura para adultos, de momento non me vexo preparada. Para min é máis doado entender o mundo dos nenos, no que podes disparar a imaxinación e poñer na historia un castelo ou un dragón. Penso que escribir para os alumnos requiriría un proceso de documentación previo.

-¿Cales son os seus plans de cara ao futuro?

-Teño varias novelas empezadas, pois vou anotando tódalas ideas que se me ocorren, pero aínda nada concreto.

-¿Certames coma o Carlos Mosteiro axudan a escritores coma vostede que tratan de abrirse camiño?

-Pois si. Cando empecei a escribir novela tiña dúbidas sobre por onde tirar e o Carlos Mosteiro fixo posible que os profesionais do sector que integraban o xurado leran e valoraran o meu traballo. Ademais, un certame é unha vía para publicar e mesmo para escribir, xa que che obriga a marcarte un prazo de finalización dunha obra e iso para a disciplina de escritor é moi importante.

-¿Cal é a mellor recompensa do traballo de escribir para o público infantil?

-Os nenos son moi receptivos e ver que entenden a historia e que lles gusta é para min a mellor recompensa.

-¿Como ve o mundo da literatura en Galicia, considera factible facerse un oco?

-Penso que atravesa un bo momento, coa existencia de moitos autores, tanto consagrados como noveles, e tamén con moita xente que le obras en galego, polo menos no eido infantil. O feito de que se promovan a lectura e o idioma galego nas escolas permítelle a autoras coma min contar con máis posibilidades para abrirse camiño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Patricia Mallo: «Gústame recrear un mundo atolado co que facer rir aos meus lectores»