A investigación do Ana María Diéguez sobre o patrimonio acada o premio Antonio Fraguas

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MUSEO DO POBO GALEGO

O proxecto do colexio, que culminará coa realización dun gran mural, venceu na categoría de educación primaria

04 jul 2018 . Actualizado a las 11:48 h.

O colexio rianxeiro Ana María Diéguez continúa demostrando que a súa aposta pola defensa do galego, así como da historia do seu pobo e vila, constitúen un piar fundamental da educación do seu alumnado. Sen embargo, agora esta metodoloxía recibiu un novo pulo a través da obtención dun primeiro premio, no marco da undécima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas. Trátase do reputado galardón, que concede anualmente a fundación na honra deste docente e científico, no que o centro de Asados logrou o triunfo no apartado de primaria, a nivel de toda Galicia.

Por outra banda, a propia dotación económica que acompaña ao Antonio Fraguas, 7.000 euros en cada modalidade, constituirá o fondo do colexio para poder materializar o proxecto presentado. Neste caso, a proposta do Ana María Diéguez -Pintando o Patrimonio, definimos a nosa identidade- consistirá na elaboración dun mural de 50 metros de longo que se colocará na muro exterior das instalacións e onde se plasmarán os elementos do patrimonio etnográfico, histórico e artístico do Concello de Rianxo e da parroquia de Asados.

Códigos QR

A función do gran mural, que deberá ser elaborado no prazo dun ano, será a de confeccionar un panel informativo no que se detallarán seis partes específicas: o mar, xacementos arqueolóxicos, o río Te, o hórreo de Araño, as principais figuras de Rianxo e a arquitectura popular. Cada un destes tramos levará asociado un código QR que, tras ser lido cun smarthphone, levará a unha web con contidos audiovisuais, os traballos de investigación realizados no centro, material de apoio na Rede e, incluso, percorridos dixitais en 360 graos.

Os encargados de levar a cabo este proxecto serán todas as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos do centro rianxeiro, coa axuda dos seus docentes. No eido educativo, os aspectos máis importantes deste traballo pasan polo propio formato multidisciplinar que se propón, no que se combinarán labores usuais de investigación, dentro e fóra das aulas, co emprego de novas tecnoloxías.

Do mesmo xeito, a elaboración do mural ten como obxectivo poñer en valor e difundir a riqueza patrimonial dun pobo que conta con tesouros, como o Castelo da Lúa e os petróglifos de Os Mouchos, ou no que viviron ilustres pensadores como Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio. Dende o equipo que coordina este proxecto no colexio de Asados destacaron que tamén se trata dun «servizo ás familias e á veciñanza», pois queren que esta obra plástica se converta nun «punto divulgativo onde recoñecer a extraordinaria riqueza patrimonial, artística e histórica» da parroquia e do municipio.

Acto oficial

Aínda que o proxecto terá que desenvolverse o próximo curso, representantes do Ana María Diéguez xa foron galardoados na sede do Museo do Pobo Galego en Compostela. Este acto oficial contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística que fixo entrega do premio. A tenente de alcalde rianxeira, Adelina Ces, acudiu representando do Concello.