A homenaxe a Carlos Mosteiro continúa

La Voz

BARBANZA

cedida

A travesía Fernández Varela pasará a levar o nome do escritor, cuxa traxectoria será lembrada nunha mesa redonda

03 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro foi a convocatoria dun certame de literatura infantil, que gañou a escritora viguesa Patricia Mallo, e agora son unhas xornadas as que lle darán continuidade á homenaxe a Carlos Mosteiro. Terán lugar este fin de semana na Pobra e consistirán en varias propostas vinculadas ao eido das letras, que culminarán co descubrimento dunha placa na travesía Fernández Varela, que pasará a levar o nome do escritor falecido hai un ano.

Barbantia e o Concello da Pobra, que xa se aliaran para convocar o certame literario, volven de novo a unirse na organización destas xornadas, que comezarán o venres (auditorio do Museo Valle-Inclán, 20.30 horas), cunha mesa redonda. As escritoras Fina Casalderrey e Blanca Ana Roig Rechou disertarán, xunto ao director de Galaxia, Francisco Castro, sobre a vida e a obra de Carlos Mosteiro. Os tres formaron parte do xurado da primeira edición do premio literario que leva o nome do autor pobrense e tamén estarán presentes na entrega do galardón a Patricia Mallo, coa que culminará a xornada.

Obradoiro de debuxo

Julia Gemma Fernández Pla impartirá o sábado un obradoiro de ilustración. A actividade, que terá lugar nos xardíns Valle-Inclán entre as 11.30 e as 13.30 horas, está dirixida a nenos de 3 a 12 anos, que asistirán a unha clase de debuxo que xirará ao redor da obra Unha bruxa ben rara, de Carlos Mosteiro.

Xusto cando remate esta actividade descubrirase a placa da rúa que pasará a levar o nome do escritor. Este acto estará amenizado polas gaitas de Xiada.

A concelleira de Cultura pobrense, Genoveva Hermo, comentou onte que se trata dunhas xornadas ás que se lle pretende dar continuidade no futuro. Neste mesmo sentido se manifestou o presidente de Barbantia, Manuel Cartea: «Trátase dunha homenaxe a unha persoa entrañable, merecedora de tódolos recoñecementos, polo que ten que continuar desenvolvéndose no futuro».