Barbantia reivindica a Eugenia Osterberger

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

A entidade presentou en Ribeira a obra que recompila a vida e o traballo da compositora galega

01 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma tantas outras mulleres pola época que lles tocou vivir, Eugenia Osterberger é unha figura descoñecida para o gran público a pesares de ser unha das grandes compositoras galegas. Non obstante, grazas á editorial Ouvirmos e a asociación Barbantia, o público de Ribeira que acudiu á presentación realizada na noitiña do venres tivo ocasión de achegarse á súa música.

O centro Lustres Rivas deu cabida á presentación dun novo número de A Voz de Barbantia e do libro cedé Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), obra das investigadoras Rosario Martínez e Beatriz López-Suevos e a soprano Susana de Lorenzo. As tres participaron no acto do venres, que estivo presentado pola socia de Barbantia Daniela Martínez, xunto con outra investigadora, Aurora Marco, e Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira, o único home dunha mesa na que se reivindicou o papel da muller na cultura, e máis concretamente o de Eugenia Osterberger.

Neste sentido, Aurora Marco lembrou que tamén no ámbito da música as mulleres estiveron agochadas, e pese a ter máis presenza social ca noutros ámbitos, eran pouco coñecidas e a súa vida e a súa obra ficaba esquecida en xornais e arquivos locais. Por iso puxo en valor o traballo das autoras para rescatar á compositora nada en Compostela en 1852.

Unha das artífices do libro, Rosario Martínez, explicou que chegaron a Eugenia Osterberger ao atopar unhas cartas súas e datos sobre a súa música no arquivo de Camilo Barea. Beatriz López-Suevos sumouse á investigación, e formaron equipo coa soprano de Susana de Lorenzo para estudar non só a súa vida, senón tamén a súa obra.

Escolma de composicións

O gran traballo de investigación das autoras permitiulles localizar algunhas partituras e afondar nas súas creacións. López-Suevos explicou que Eugenia coñecía ben os xéneros a época e que en Francia foi evolucionando cara unha música impresionista.

Susana de Lorenzo foi a encargada de poñer voz a unha escolma de composicións de Osterberger no cedé que acompaña ao libro, e que no acto do venres interpretou en directo acompañada ao piano por Beatriz López-Suevos. Ao rematar, recibiron unha ovación, á que se sumou o alcalde ribeirense, que agradeceu que se dera a coñecer a figura da compositora.