Luís Outeiro: «A ría é un ecosistema maduro que hai 60 anos absorbeu o impacto das bateas»

O ecólogo defende que as actividades produtivas poden manter o seu «status quo», en Arousa, pero pensando no futuro

.

Vilagarcía / la voz

É carrilexo, e dende pequeno mollou os pés na auga da ría de Arousa. Non é de estrañar que este mar, cheo de vidas, se convertera no centro do estudo que leva tres anos realizando dentro dun proxecto posdoutoral da Xunta de Galicia. Especialista en economía ambiental e ecolóxica das zonas costeiras, Luís Outeiro colaborou dende con biólogos ata con economistas para coñecer a situación real da ría. Son preguntas incómodas, recoñece, pero que cómpre facerse para garantir que bateas e a pesca artesanal poidan seguir aí, dándolle forma, dalgún xeito, ás nosas vidas de habitantes de pobos costeiros.

-¿En que consiste o seu traballo?

-O proxecto toca a parte da ecoloxía de ecosistemas e a modelización da cadea trófica. Na ría, a base sería o fitoplancto, e na parte máis alta teríamos os arroaces. Cunha particularidade moi nosa, que é que dende hai sesenta anos temos o cultivo de mexillón. As bateas, e a súa instalación, marcou un antes e un despois no ecosistema que tiñamos aquí. Do que se trataba era de ver en que estado estamos a nivel de ecoloxía, e como iso está a trasladarse cara o ámbito económico, e despois levalo de volta ao ecolóxico.

-Hai 60 anos as bateas apareceron nas rías e estas cambiaron. ¿Para mellor, para peor? ¿Ou simplemente para ser diferentes?

-Pasamos a outro estado no que hai unhas especies que se beneficiaron máis e outras que non se beneficiaron tanto. Que aínda están, pero reducidas. Dende o establecemento da acuicultura do mexillón houbo -e iso é coñecemento tradicional local- un descenso da biomasa dentro da ría, das especies que compiten en alimento co mexillón. Pero Galicia transformouse en base a iso. Antes eramos unha cousa, agora somos outra diferente, máis adaptada á modernidade.

-¿Que desvela o estudo que levou a cabo?

-Ademais de modelizar a cadea trófica, intentamos determinar a capacidade de carga ecolóxica e produtiva das bateas e da pesca artesanal, analizamos como están condicionadas por outros factores, como os climáticos. Sobre todo, o vento, que é o que proporciona a renovación das augas, que haxa afloramento... Iso tamén hai que metelo nesa relación, porque se entramos nun escenario de cambio climático e descenden eses ventos predominantes que nos proporcionan o fitoplancto para manter o sistema, tamén o temos que ter en conta á hora de planificar un futuro no que as bateas poidan manterse. As bateas teñen que estar aí e seguir producindo, e a pesca, e o marisqueo.

-¿Pola importancia económica?

-As bateas teñen unha capacidade de distribución económica moi importante. E coñecendo o que hai no mundo, son da industria a nivel acuícola que distribúe mellor a riqueza, e por iso hai que defendelas e coidalas. A nivel ecolóxico tamén teñen unha importancia radical, porque son estruturas en tres dimensións que nos permiten albergar outras especies de valor comercial, como poden ser a nécora, o camarón, mamíferos mariños... Pero o mexillón tamén é un bivalvo que é moi ineficiente. Filtra moitísima auga, e con ela chupa as larvas que están flotando no mar, moitas de especies comerciais. Entón, o que se está dando é unha especie de perda de heteroxeneidade e diversidade de especies. Hai moito mexillón. E esta é unha cuestión de dimensión que tamén temos que analizar.

-¿Hai máis bateas das que a ría pode soportar?

- O estudo é claro. A nivel cuantitativo estamos por riba da capacidade de carga ecolóxica, que non da produtiva. Iso non quere dicir que haxa que crear un discurso negativo contra as bateas, para nada. A nosa ría é un ecosistema maduro que hai 60 anos absorbeu o impacto das bateas, podemos dicir que hai unha densidade altísima de mexillón, das máis grandes do mundo, cuxo cultivo coexiste con outras actividades, como a pesca artesanal, que extraen especies que están en competencia co mexillón, e das que vive moita xente tamén. Esa é outra parte do estudo. Si, estamos por riba da capacidade de carga ecolóxica, pero o noso ecosistema ten unha capacidade tan enorme de absorber impactos, que podemos dicir que hoxe en día podemos manter o status quo sen maiores detrimentos.

«Quería facer cousas polo mar que eu mamei»

Luís acaba de facer unha entrevista de traballo nunha universidade de Carolina do Norte. «É para unha praza de asistente-profesor con titularidade», explica. De todos os xeitos, coller o avión e poñer rumbo aos Estados Unidos non é o que quere.

-¿Que lle gustaría?

- O que quero é traballar aquí. A miña vontade é seguir facendo o que estou facendo, poñer a Galicia no mundo en termos de ecoloxía e economía pesqueira. Se vas por aí, ao final estás traballando para o resto do mundo. Todos os investigadores teñen un lugar co que soñan en facer os seus traballos. Ese espazo, para min, é a ría de Arousa. O meu traballo consiste en xuntar as dúas partes, a ecolóxica e a económica. E a capacidade de redistribución da riqueza das bateas é tan radical que hai que introducila na ecuación. Igual non diría o mesmo en Chile

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Luís Outeiro: «A ría é un ecosistema maduro que hai 60 anos absorbeu o impacto das bateas»