A sexta «Barbantiarte» busca creadores con gañas de expoñer

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Os interesados en sumarse á mostra colectiva teñen ata o 25 de agosto para enviar as súas obras

30 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Gravado de Artes e a asociación Barbantia xa iniciaron os preparativos dunha nova edición, a sexta, de Barbantiarte, a exposición que busca ser un escaparate do sector creativo da zona. A idea es que a mostra colectiva abra as súas portas, nas instalacións situadas na parroquia de Artes, no próximo mes de setembro. Os artistas interesados en participar terán ata o 25 de agosto para enviar os seus traballos.

Tal e como ocurreu en edicións anteriores, a exposición está aberta a todo tipo de disciplinas artísticas, desde pintura e escultura ata fotografía e gravado, pasando por banda deseñada, debuxo, poesía visual ou intervencións artísticas. Aínda que non hai medidas nin temáticas establecidas, nesta ocasión si que se esixe que as obras sexan actuais, é dicir, que foran realizadas entre o ano pasado e este 2018: «Queremos amosar a expresión artística dos creadores de Barbanza neste momento», explicou o director do museo ribeirense, Xoán Pastor Rodríguez.

Só para barbanceses

A convocatoria está aberta a creadores nacidos en Barbanza e tamén a aqueles que fixeron nestas terras a súa residencia. Desde a organización da mostra pídese que cada artista achegue unha soa obra. Co fin de elaborar o catálogo que sempre serve de complemento á exposición, os participantes deberán remitir unha fotografía, unha ficha cos seus datos persoais e un breve texto sobre o traballo achegado.

Na quinta edición de Barbantiarte foron 80 os creadores da zona que se animaron a participar nesta mostra colectiva. Barbantia e o museo do gravado aspiran este ano a igualar a cifra ou, se é posible, a superala.