Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro Barahúnda: As voces que trouxo o vento do sur

JOSÉ LUíS DO PICO ORJAIS

BARBANZA

ABRALDES

Os dous compoñentes do grupo musical son madrileños, pero decidiron virse a residir á comarca, concretamente a Abuín (Rianxo)

25 oct 2018 . Actualizado a las 22:11 h.

Falamos do grupo musical Barahúnda. Jose e Helena. Elena e Jose. Elena lembra que a primeira vez que se subiu a un escenario, fóra das intervencións académicas na escola e no conservatorio, foi no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Tal vez naquel primeiro concerto o espírito de Valle-Inclán -que tanto frecuentou os salóns da institución madrileña- bisboulle ao oído que o seu futuro estaba na Galiza.

Pregunta. Como sempre, neste tipo de entrevista o primeiro é preguntarvos como naceu a vosa vocación pola música.

Helena de Alfonso. A música acompáñame desde pequena e penso que sempre quixen ser cantora. A meu pai gustáballe moito a literatura e a música de raíz e así coñecín voces galegas e portuguesas que tanto me ían influír no futuro. A miña primeira banda formeina en Madrid no 1989 e case dez anos máis tarde nacería Barahúnda, o grupo que marcaría definitivamente a miña carreira profesional.

José Lara. Eu tamén me iniciei moi novo. Coa miña primeira formación, La Mala Hora, faciamos rock, e tal vez aí seguiría de non se ter cruzado Helena no meu camiño e me ter inoculado o amor pola música tradicional e histórica. A pesar de recibir algunha formación académica, principalmente na harmonía do jazz, son un guitarrista autodidacta, quizais porque só así puiden acadar o grao de liberdade expresiva e técnica que procuraba.

P. Entón, como e cando se produce ese primeiro encontro nas vosas vidas e cando comeza o voso traballo en común?

H. de A. Coñecémonos porque fixen unha colaboración co grupo La Mala Hora. Eu era amiga do batería e despois Jose veu en varias ocasións pola Taberna de Elisa, un local mítico do folk madrileño. Pouco a pouco fómonos coñecendo e enseguida nos fixemos noivos. Eu daquela estaba en Trasgo, un grupo folk cunha boa parte do repertorio instrumental. Un día decidín que quería iniciar un proxecto persoal, protagonizado pola voz, as melodías, as letras... Nesa aventura necesariamente tiña que me acompañar Jose, que nun primeiro momento quixo permanecer en segundo plano, investigando o repertorio, compoñendo, producindo e mesmo interpretando algunhas pezas nas primeiras gravacións e nos concertos. O seu papel foi fundamental para dar coherencia e facer posible o meu soño. Así en outono do 1998 nace Barahúnda.

P. Que achegou Barahúnda ao panorama musical daqueles anos de grande ebulición no ámbito da música folk?

J. L. Helena quería facer un repertorio cento por cento cantado, mais o problema era dar coas pezas adecuadas. Buscabamos que fose folk ibérico, música das tres culturas, música antiga... mais ofrecendo un produto sen ligaduras a modelos preexistentes ou convencionais. A nosa filosofía susténtase en tres elementos fundamentais: a investigación, a creación e a divulgación. Tendo en conta ese triángulo ideacional, é como podemos encontrar explicación a toda a nosa obra musical.

P. A vosa discografía comeza no 2002 cun disco titulado Al sol de la hierba e nel podemos encontrar todas as claves do que será o voso traballo até o día de hoxe.

H. de A. Pois tal vez sexa así. O título do cedé é un verso dunha cantiga sefardí, mais tamén hai cancións tradicionais da península ibérica, cantigas galego-portuguesas e temas de autor, como La pregunta, un poema de Percy B. Shelley traducido por Leopoldo Panero e ao que Jose lle compuxo unha música preciosa. No libreto que acompañaba ao cedé contabamos como intentabamos proporcionar unha visión revitalizadora da música de raíz ibérica, sen buscar un significado exacto a esta denominación porque a música ha de moverse no camiño da amplitude de miras. Este proceso de busca continua tivo o seu segundo episodio coa gravación en 2006 de Una hora en la ventana, unha vez máis utilizando como título un verso sefardí. En todos os temas do disco intervén Jose como autor ou arranxista e mesmo nos atrevemos cun estándar da música galega como o Eu chorei. Múdanse os ventos, o noso terceiro traballo é xa un produto totalmente rianxeiro, gravado no noso propio estudio.

Podemos concluír que as nosas gravacións comerciais mostran un camiño demorado no que fomos creando un estilo propio que terá a súa continuidade coa publicación do próximo cedé conmemorando os primeiros 20 anos de Barahúnda. Neste disco terán moita importancia a colaboración de tres grandes músicos e tamén amigos: o percusionista Chema Mawenya, o violinista Jose Climent, e o multiinstrumentista José Luís do Pico Orjais.

P. E por último, por que Rianxo?

J. L. A verdade é que os dous somos madrileños sen conexións galegas, mais antes de escoller vivir aquí xa coñeciamos o Barbanza dado que viñemos moitas veces de vacacións. Por circunstancias da vida tivemos a oportunidade de poder escoller onde queriamos vivir e foi entón que decidimos comprar unha casa en Abuín, o noso lugar no mundo. Grazas a aprender a lingua da Galiza, a convivir cos nosos veciños rianxeiros, naceu S.O.S., unha música que está composta no mesmo idioma que o fermoso poema de Manuel Antonio.

ILUSTRACIÓN abraldes