In memoriam

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha ocasión díxome Mariano Rajoy que gardaba un grato recordo de ter xantado no mesón Don Miguel da Pobra, o que, en certo modo, nos emprazaba, de coincidir, a compartir mesa e mantel. Pero isto tamén podería levarse a cabo no restaurante Sabor de Galicia que, en Santa Pola, rexentaban dous namorados da vila pobrense, Mari e Buján. En todo caso non é descartable que en calquera de ámbolos dous teña a oportunidade de agasallarlle con algúns dos meus comentarios de prensa e, de paso, contarlle esta anécdota.

Cando eu era concelleiro da Pobra convocárase unha xuntanza das persoas populares máis significadas de Barbanza-Muros-Noia nun establecemento hostaleiro da praia de Cabío. Era naqueles tempos nos que Aznar tentaba imprimirlle carácter e ideoloxía a un partido político sen máis referente que o carismatismo de Fraga que se entendía situado no espazo dalgunha das dereitas europeas, pero sen un ideario concreto e definido negro sobre branco.

Entre pincho e pincho ía transcorrendo o tempo, pero do motivo do conclave nada de nada ata que, claramente contrariado, tentou, con escaso éxito, centrar o tema o alcalde de Outes, Carlos López Crespo, que encomenda tiña ao respecto (As miñas condolencias por quen tivo o detalle de enviarme á diáspora as publicacións de cando era responsable de cultura na Deputación coruñesa).

A dereita española está atravesando unha grave crise de identidade polo que desexo que no seu vindeiro congreso, o PP se centre máis en definir se vai facer política nese espazo ou en asoballar á formación de Albert Rivera.