Iria Caamaño: «A repercusión do Camiño non é só económica, tamén ten carácter social»

A. Novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

sande

Destaca a importancia que tería para a zona o recoñecemento do Portus Apostoli

25 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o 2 e o 4 de xullo desenvolverase en Noia o curso A evolución do turismo no marco da sociedade global, un seminario promovido pola Universidade da Coruña no que cobrará especial importancia o Camiño de Santiago e a reivindicación da vila para obter o recoñecemento oficial do Portus Apostoli. Iria Caamaño, coñecida pola súa faceta de guía turística da localidade, é unha das directoras desta proposta formativa.

-¿É a primeira vez que unha iniciativa destas características ten lugar en Noia?

-Efectivamente, aínda que este é o quinto curso de verán da Universidade da Coruña relacionado co turismo, será a primeira vez que se celebre en Noia.

-¿Cales son os principais temas que se van tocar?

-Imos tratar de tocar diferentes temas que consideramos de interese para a comarca. O fundamental vai ser o Camiño de Santiago, enfocado especificamente ao Portus Apostoli. Tamén tocaremos temas relativos ao turismo creativo e industrial, posto que na zona temos grandes exemplos e podemos poñerlle un foco sobre eles.

-Haberá tamén un apartado sobre a consecución de fondos para desenvolver proxectos turísticos...

-Si, vinculado ao emprendemento. Queremos que os asistentes coñezan de primeira man que fondos concede a Unión Europa e como se pode acceder a eles.

-¿Como foi o proceso de elección dos relatores?

-O curso é bastante internacional, vai vir xente de Portugal e de Italia, e incluso unha axencia de turismo de Irlanda, pero queriamos contar con xente da zona para enriquecer este debate, para que se viran as experiencias doutros lugares, pero que tamén quedara reflectido o que xa se está a facer aquí, que ás veces non transcende o suficiente.

-¿A quen está dirixido este seminario?

-Principalmente, ao alumnado ou aos titulados en Turismo, pero tamén a traballadores do eido de administración de empresas, economía, xeografía, socioloxía... e tamén é de interese para os profesionais do turismo, tanto desde o punto de vista da planificación e da xestión, como de empresas que estean vinculadas a actividades turísticas.

-Como especialista que é na materia, ¿cal cre que sería a repercusión do recoñecemento oficial de Noia como Portus Apostoli?

-Os efectos van ser para todo o entorno e xa o estamos vendo noutras localidades polas que transcorren diferentes rutas. Estamos comprobando que a repercusión do Camiño non é só económica, tamén ten carácter social. Noia e a nosa comarca teñen moitas posibilidades neste sentido. No curso vaise tratar o tema da comercialización do Camiño e vai vir unha axencia especializada que ten a súa sede en Irlanda. A idea é tratar de establecer convenios con esta firma de cara á comercialización da nosa ruta.

-Son moitos os esforzos que se están facendo nesta reivindicación...

-Si, a iniciativa pública leva moitos anos traballando neste sentido. O Concello e a asociación Noia Histórica teñen feito un gran traballo, mais agora vemos que tamén as empresas son conscientes da repercusión que pode ter e, aínda que non é un camiño oficial, xa se está promovendo e incluso comercializando.

-Vostede tamén exerce de guía turística en Noia, ¿haberá novas rutas guiadas este verán?

-Por suposto, volveremos nos meses de xullo e agosto, os xoves e os sábados. O ano pasado foi a primeira vez que se ampliou a xullo esta iniciativa que xurdiu hai máis dun lustro da man de Noia Histórica e funcionou moi ben.

-Funciona incluso entre os propios veciños da zona...

-Efectivamente, sobre todo temos xente da zona nas visitas guiadas que se fan en Semana Santa, no verán son fundamentalmente do territorio nacional. O ano pasado foron un éxito rotundo e agardamos que este ano se repitan.

-¿Que é o que máis sorprende?

-Chama moito a atención a igrexa de San Martiño, un templo gótico impoñente, sobre todo por todas as lendas que ten ao seu redor.