Una barra de pan, 4 euros

BARBANZA

21 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a terraza dunha cafetaría veciña do supermercado observo atónito unha escena máis habitual do que poderiamos pensar: achégase un coche, estaciona sobre a liña amarela e del sae unha muller que entra no súper, saíndo minutos despois cunha barra de pan. Entra no automóbil e marcha.

Namentres o prezo dunha barra de pan non supera 1 euro, a ela sáelle en 4 euros, porque ao prezo do pan ten que engadir o combustible, as rodas e o mantemento xeral do vehículo que usa para comprar o pan. Sen contar o gasto que produce sobre o espazo público: o desgaste do asfalto, o da pintura de prohibición de parar, pero, sobre todo, o que non pensa é na contaminación ambiental e acústica que produce cada día para algo tan sinxelo que podería facer camiñando.

Durante o tempo de apurar a miña consumición, puiden ver que esta escena repetiuse tres ou catro veces. O colofón marcárono dous tipos que aparcaron os dous coches no mesmo lugar -prohibido- para vir tomar unha cervexa ao bar. Todos eles viven a menos de dous quilómetros do súper e da cafetaría, e algúns deles van todos os días ao ximnasio para tentar perder os quilos que lle sobran. Pero non están educados para moverse pola cidade a pé. Son seres insolidarios, con falta de empatía, e viven nun sistema que llelo aprendeu, que llelo permite, e nunca se pararon a reflexionar sobre esta falcatruada.

Cando chegue un alcalde e transforme esa rúa en peonil, botarán pestes contra el, argumentarán que dese xeito morrerá o comercio local. Pero había un vello slogan que dicía: «Aínda que vostede poida pagalo, o planeta non pode».